Non hai como pasar só uns minutos na rúa Ponte de San Lázaro para comprobar que o alcalde Bugallo ou leva case un mandato sen pasear por alí ou ben dalle igual arranxar os problemas que alí pode ver cando, supostamente, transita pola zona. Hai uns días, o candidato á alcaldía do Parido Popular, Borja Verea, fixo unha visita e puido contemplar, sen dificultade, as múltiples deficiencias que sofre esta área da capital de Galicia. 

A situación de “desleixo e pereza” non é novidosa para o Goberno Bugallo, quen parece non ter “tempo ou interese” en arranxar ata as cousas máis sinxelas do Concello, deixado “á sorte” que espazos descoidados poidan ser o escenario de sucesos de consecuencias importantes.

Nunha reunión coa veciñanza, Borja Verea recolleu as súas petición, que pasan por levar a cabo un asfaltado que vaia desde rúa do Agro dos Mozos ata a rúa Mallou; e poñer as correspondentes beirarrúas, posto que nesta zona  existe moitísimo tráfico e os vehículos pasan a velocidades moi elevadas, o que supón un perigo para os peóns que transitan por esta vía. 

Así mesmo, os veciños quéixanse da importante acumulación de lixo que se rexistra nas proximidades do río, que, ao non ser retirado a tempo, moitas veces chega ao río, provocando crecidas que anegan esta área e a súa contorna. Outra das preocupacións da veciñanza é a ponte de enriba da circunvalación, principal vía de conexión co resto de San Lázaro, que se inunda cada vez que chove e converte en intransitable ese camiño.

Por outra banda, os Populares tamén comprobaron as graves deficiencias existentes no equipamento da rede de saneamento na rúa Ponte de San Lázaro de Abaixo, nas proximidades da súa conexión coa rúa da Ponte de San Lázaro, que se atopa en condicións manifestamente lamentables. Esta situación prodúcese, concretamente, nas proximidades da área de aparcamento habilitada no comezo da rúa da Ponte de San Lázaro de Abaixo, onde pode verse unha caseta, ao parecer vinculada coa rede de saneamento municipal, que presenta signos de vandalismo, mais tamén de abandono, posto que permanece en estado de desleixo desde hai varios meses, a pesar da roza e limpeza  desenvolvida semanas atrás na súa contorna.

Así, o concelleiro Pedro Rey esixiralle ao Goberno Bugallo que proceda ao seu  arranxo co fin de atallar a situación de perigo e o deterioro ambiental e paisaxístico que provoca a caseta vinculada ao servizo municipal de saneamento desta zona. O estado desta zona afecta, non só ao decoro ou á calidade ambiental, senón que pode implicar tamén efectos para a seguridade cidadá.