O Grupo Municipal Popular, a través do seu concelleiro Pedro Rey, preguntará ao Goberno de Sánchez Bugallo no vindeiro Pleno ordinario si “é coñecedor” das numerosas deficiencias nos servizos públicos da zona que vai dende a avenida Santiago de Cuba (Periférico) e o Restollal (SUNP-14) e que prazos manexa para poñerlle remedio.
Rey Sanchiz destaca que, a pesar de que o desenvolvemento do referido SUNP-14, non rematou na súa integridade, son moitas as familias e actividades xa asentadas nas súas rúas que, como é lóxico, requiren unha prestación de atencións e servizos públicos en consonancia coas súas obrigas tributarias.
O Popular subliña que o que debería ser a normalidade, non se cumpre en moitos extremos, polo que a veciñanza “está a demandar unha maior atención, sobre todo, nas rúas Xosefa Iglesias Vilarelle, Agustín Sixto Seco, Manuel Ceruelo, na rúa Tras do Monte de Seixo e en todo o vial de servizo paralelo ao Periférico.
Unha das principais queixas refírese á ausencia de iluminación coa chegada da noite en varias zonas dese ámbito (a pesar de contar con novas e numerosas luminarias), algo que acontece mesmo nas proximidades de edificios de utilidade social e na rúa Tras do Monte do Seixo.
Os veciños tamén lamentan a falta de roza e limpeza das zonas urbanizadas; a existencia de grandes fochancas en zonas sen asfaltar; e o perigo que supón a falta de valados en zonas céntricas pendentes de urbanización, que presentan un marcado desnivel, oculto en boa medida pola abundante vexetación.Ao Popular parécelle difícil crer que o Grupo de Goberno non sexa coñecedor desta situación que está a padecer e denunciar, dende hai tempo, a veciñanza, máis ben parece outra desas situacións que padecen os santiagueses porque “non son consideradas como importantes polo Goberno Bugallo”.