Borja Verea, candidato á alcaldía do Partido Popular, asegura que “Santiago necesita un Partido Popular do século XXI con propostas de futuro” e cuestionábase “como o partido socialista vai poder gobernar a cidade de Santiago, cando son incapaces de gobernarse a eles mesmos”, subliñando tamén que en Santiago “xa non hai espazo para o partido socialista dos insultos”. Verea Fraiz fixo estas declaracións no transcurso do Comité Executivo local que se celebrou onte en Santiago.

O Popular subliñou que lle pediría a Sánchez Bugallo que “non tome por tontos aos santiagueses, o partido socialista leva catro anos sen facer absolutamente nada en Compostela e agora, co mandato rematado, estamos vivindo a descomposición en directo do Goberno local, onde os seus propios votantes están decepcionados e frustrados por un mandato de pasotismo, de soberbia e de esgotamento, un mandato nunha nova versión, a dos insultos, xa se aburriron de insultarme a min e agora o que toca é insultarse entre eles diante de toda a cidade”.

“Ese non é o meu estilo, hoxe os cidadáns queren un Partido Popular do futuro e do século XXI e canto máis nos insulten, canto máis se insulten entre eles, nós seguimos subindo nas enquisas, por cada insulto do partido socialista, nós faremos unha proposta útil e solvente para a cidade”.

O candidato Popular subliña que “levamos meses propoñendo un novo estilo de Goberno, con propostas concretas e útiles para os veciños”, en materia de vivenda, accesibilidade, familia, deporte, desenvolvemento industrial e propostas en materia de peonalización e de novos aparcadoiros”.“Ese é o noso traballo, seguimos construíndo unha alternativa de Goberno e, fronte a descomposición do partido socialista, nós o que queremos é máis Partido Popular do futuro e do século XXI”, concluíu.