Co fin de evitar o evidente impacto negativo duns colectores situados diante da igrexa de San Martín Pinario, o Grupo Municipal Popular, a través do seu voceiro José Antonio Constenla, reclamaralle ao Goberno de Sánchez Bugallo, no vindeiro Pleno ordinario, que se adopten as medidas necesarias para trasladar, ou cando menos ocultar o impacto visual que suscitan, os dous colectores de lixo situados na parte frontal da igrexa de San Martiño Pinario e que proceda a repoñer a deteriorada lona situada á dereita da portada.
O Grupo Popular e coñecedor que a localización dos equipamentos para a prestación de determinados servizos non sempre resulta doada, ao ter que combinar a comodidade para as persoas usuarias coa adecuación á contorna, polo que, como destaca o voceiro Popular, “resulta conveniente levar a cabo unha análise ou estudo previos sobre o terreo para evitar, ou cando menos reducir ao mínimo imprescindible as consecuencias non desexadas que poidan afectar á seguridade ou á estética dos lugares escollidos”.
Para José Antonio Constenla, resulta “sorprendente pero evidente que dita análise ou estudo por parte dos responsables do Goberno municipal non se debeu levar a cabo nas inmediacións da igrexa de San Martiño Pinario” onde, “a pesar da extraordinaria relevancia artística e da súa catalogación como Ben de Interese Cultural (BIC), podemos contemplar a molesta presenza de dous colectores de lixo que afean unha parte fundamental deste conxunto monumental que, xunto coa Catedral, supón a culminación do barroco galego e que ostenta a consideración da segunda construción relixiosa de maiores dimensións no seu tipo, unicamente precedida polo Escorial”.