O Partido Popular reclamaralle a Bugallo, no Pleno ordinario desta semana, que lle esixa á Deputación Provincial a licitación, adxudicación e execución do proxecto da senda peonil na DP-7803 que conecta o centro da cidade coa parroquia de Figueiras, para evitar a acumulación de novos atrasos nesta obra tan necesaria.
Así mesmo, os Populares insisten en que o Goberno local debe programar e executar o conxunto de melloras de competencia municipal expresadas pola asociación veciñal “Aba do Pedroso”, coa que reuniron hoxe o candidato á Alcaldía Borja Verea e o voceiro José Antonio Constenla.
Durante a xuntanza, a Asociación Veciñal “Aba do Pedroso” explicoulles as necesidades en relación co seu ámbito de actuación, coas que se corrixiría, cando menos en parte, “o estado de abandono” da zona entre Monte dos Chaos, Rúa dos Asidros, Bar de Abaixo e Bar de Arriba”. Para os Populares ten especial relevancia a referida á inseguridade na estrada provincial que conecta o Carme de Abaixo coa parroquia de Figueiras na que, pola falta de beirarrúas e beiravías, as persoas que se vén obrigadas a transitar por ela “xóganse literalmente a vida todos os días”.
Para Verea, é inconcibible que a 10 minutos da Catedral de Santiago nos atopemos con imaxes como esta que demostran o desleixo do goberno pola nosa cidade. Así as demandas da Asociación son “actuacións mínimas que non supoñen un grande investimento, senón unha maior implicación do Concello”. Santiago necesita un cambio e que a cidade recupere a vitalidade que perdeu nos últimos anos”, sinalou o líder popular, e engadiu que “nós traballamos para que Compostela se converta nun referente do século XXI”.
Antecedentes
José Antonio Constenla subliña que a mellora da seguridade peonil de dita vía é unha vella reivindicación, non só da veciñanza máis directamente afectada, senón tamén do conxunto da Corporación. Houbo un primeiro intento de afrontala cun primeiro proxecto aprobado no ano 2009, que remataba no inicio da estrada ao Pedroso, que non chegou a concretarse. A demanda recuperaríase en novembro de 2015 coa aprobación dunha moción conxunta de todos os grupos municipais na que se recollía o “carácter prioritario” deste itinerario para a execución dun proxecto “para a conexión peonil e/ou mediante carril bici” cara ao centro da cidade.
Conforme a aquel acordo plenario, a Deputación Provincial retomou os trámites para abordar esta obra ao anunciar no mes de outubro de 2017 a “contratación da redacción do proxecto de senda peonil Santiago-Figueiras”, cun prazo de execución de 4 meses e un orzamento de 19.360 euros, contrato que foi formalizado en novembro de 2018 e incluído no Plan de Sendas dese mesmo ano.
O proxecto foi aprobado polo Pleno da Deputación en decembro de 2018, cun orzamento de contrata de 754.129 euros e daquela acordábase tamén o inicio dos trámites para as expropiacións necesarias, por un importe de 39.194 euros,
Dous anos e medio despois sen que se producira a licitación, en abril de 2021 a Deputación aproba o “proxecto de actualización” da senda peonil na DP-7803 p.k. 0 a 2,5, sen variación no orzamento respecto do proxecto anterior, incluíndo tamén o inicio dos trámites para a expropiación. Sen que se producira a licitación, en setembro de 2022 a Deputación vese obrigada a aprobar unha “actualización de prezos da obra”, incrementando o orzamento inicial ata os 941.049 euros (+24,8%).
Na actualidade e despois de 13 anos do primeiro proxecto aprobado, case 4 anos despois do segundo proxecto e 1 ano e medio desde o “proxecto de actualización” a obra continúa sen licitar e, por suposto, sen executar, polo que urxe activar ao máximo todos os pasos para impedir unha nova obsolescencia do proxecto e conseguir canto antes a súa execución.
O voceiro Popular concretou que o resto das demandas da asociación “Aba do Pedroso” refírense ao asfaltado da pista que transcorre pola rúa dos Asidros e conecta cos lugares de Bar de Abaixo e Bar de Arriba “nun estado lamentable” para a que solicitan a limpeza de marxes e reposición das conducións de abastecemento; a habilitación dunha área de aparcamento nunha finca municipal nas proximidades; e outras melloras de doada resolución, como o pintado de pasos de peóns, a limpeza de marquesiñas e de fincas con risco de incendio, ampliación do servizo de recollida de lixo, renovación dos puntos de iluminación e melloras na sinalización do Camiño de Fisterra (que podería facerse coa colaboración da Xunta).