O candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, Borja Verea, mantivo onte, enmarcado dentro das visitas que leva tempo facendo por barrios e parroquias, un encontro no Centro Sociocultural do Ensanche cos veciños da zona para escoitar as demandas do barrio e presentar algún dos seus proxectos.
Na reunión, á que acudiron ao redor de 150 persoas, Verea quixo deixar claro que aposta por una política de vivenda real para cumplir o obxectivo marcado en 2027 de chegar aos 100.000 habitantes, “vós que vivides no ensanche, canta xente coñecedes que tivo que marchar a outros concellos porque non tiña alternativas de vivenda na súa propia cidade?”, “Debemos apostar polo alugueiro social, a rehabilitación no casco histórico e a promoción de novas vivendas de protección oficial”, salientou o líder popular.
Dentro das súas prioridades, destacou tamén a importancia de construír un Santiago máis familiar, máis humano e máis amable, onde as persoas sexan protagonistas. Neste senso lamentou que os veciños do Ensanche, aos que se considera privilexiados por vivir “no centro” estean agora mesmo completamente abandonados polo goberno socialista, sen servizos municipais como unha biblioteca, un ximnasio, unha sala multiusos, un centro de día, un centro cultural ou unha pisicina. Servizos, lembrou Verea, que “deberían instalarse na antiga parcela de Peleteiro, a última oportunidade de revitalizar o Ensanche, e que o goberno socialista, os nacionalistas e Podemos queren converter en ladrillo de luxo”. Un proxecto polo que “nós levamos apostando desde o minuto un, coa nosa proposta de adquirir a parcela e crear alí un espazo de ocio e cultura cuberto”. Un proxecto que traería vida ao Ensanche e ao seu comercio, que agora mesmo “está esmorecendo por culpa das políticas de polígonos comerciais nas aforas de Santiago que está levando a cabo o goberno socialista”, lamentou Verea.
Sobre os problemas de tráfico, unha queixa constante por parte dos veciños, e que onte volveu ser protagonista nas intervencións dos asistentes, o candidato á Alcaldía insistiu no seu proxecto para eliminar todos os vehículos do Campus Sur mediante a construción dun parking soterrado que daría servizo a todo o Ensanche, e serviría para aliviar o tráfico das súas principais rúas ao ter un lugar “céntrico” onde poder aparcar. “Queremos que Santiago recupere as rúas para as persoas”, apuntou Verea, onde os espazos para as familias sexan prioritarios en todas as iniciativas locais do novo goberno que saia das eleccións municipais da primavera de 2023, “e estamos traballando xa no deseño e ubicación dun parque infantil cuberto no Ensanche, modelo que levaremos tamén a outros barrios e parroquias”, concluíu Verea.