O Grupo Municipal Popular, a través do seu voceiro, José Antonio Constenla, preguntaralle, no Pleno ordinario deste mes de decembro, ao Goberno de Sánchez Bugallo cando ten pensado por en marcha as “inmediatas” medidas de seguridade na zona deportiva e social de Figueiras e que prazo manexa para a licitación e execución do proxecto inconcluso de “mellora de equipamentos deportivos e sociais na parroquia de Figueiras”.
O Popular subliña que, hai cinco meses, coa única abstención do grupo socialista, aprobábase unha iniciativa para a licitación e adxudicación das obras dos equipamentos deportivos e sociais na parroquia de Figueiras e para que “mentres tato extreme as medidas de seguridade para evitar o acceso á zona das obras en previsión de posibles accidentes”, pero nada de isto parécelle importar a Goberno local, nin o grave perigo que supón ter unhas instalacións totalmente abandonadas, nin os compromisos que se adquiren no Pleno.
Constenla Ramos denuncia que aínda que no Pleno o concelleiro de Medio Rural manifestou que “de inmediato” se ían tapar os ocos, rozar e valar o recinto coas obras paralizadas, o certo é que a día de hoxe, como dicíamos pasado xa case medio ano, o lugar está plenamente accesible e presenta numerosos riscos para a integridade das persoas: varios ocos de gran profundidade polos que se pode caer; o teito dos vestiarios a gran altura sen valar; un terreo irregular por mor das obras abandonadas; e mesmo unha protección metálica sen a fixación necesaria na zona lindeira coa zona do campo de fútbol, unha zona que resulta tamén impracticable polo firme irregular e a presenza de grandes rodeiras, a pesar do anuncio do Goberno Bugallo da “mellora integral” deste terreo de xogo sen as mínimas dimensións regulamentarias.
Para o Grupo Popular, a situación desta zona, ademais de ser unha vergoña, supón un claro perigo para a veciñanza, só hai que pasar por aí para contemplar como a seguridade desta área debe ser unha prioridade inmediata para o Goberno Bugallo, pero non menos urxente debera ser a continuidade do proxecto inconcluso, para o que existen recursos municipais máis que suficientes para a súa execución.