O candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, Borja Verea, mantivo unha  xuntanza co presidente da delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia, Ángel Cid, e outros membros do colectivo.

Verea quixo empezar o encontro pedindo colaboración aos máis de 300 arquitectos que hai colexiados en Santiago, “temos en Santiago materia prima suficiente, os nosos arquitectos teñen a formación, a experiencia, e a creatividade más que sobrada para deseñar a nosa cidade, serán ben recibidas calquera tipo de propostas, eu estou aquí para escoitar o que tedes que dicir e construír así entre todos un Santiago do século XXI, é necesario construír un novo compostelanismo desde Santiago e para Santiago”. Neste senso o líder popular destacou que, en todos os retos que ten a cidade, debería contarse cos arquitectos, e comparou o Santiago dos anos 90 co que existe agora, “todos lembramos os anos 90, cunha cidade en ebulición, dinámica, que nada ten que ver coa cidade de hoxe, estancada, na que o goberno leva 20 anos tapando ocos en vez de liderar unha verdadeira revolución para Compostela”. 

Ademais Verea salientou que o Plan Especial pode que valese para hai 20 anos, pero agora “necesitamos un novo plan máis flexible que axude a que a cidade recupere a súa vitalidade, a cidade vella afúndese e non podemos quedarnos de brazos cruzados e vivir anclados nun pasado, o do Plan Especial, que non conseguiu os seus obxectivos, seguimos perdendo poboación no Casco Histórico e non podemos seguir botándolle a culpa ás Vivendas de Uso Turísitco, hai que ser serios e mirar máis aló”.

Pero non só fixo fincapé no Plan Especial, tamén houbo debate sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal, un plan que segundo Verea necesita cambios, “é necesario construír unha cidade a longo prazo e non pensando unicamente na inmediatez e en ir parcheando,e para iso as modificacións do PXOM teñen que ir da man dun Plan de Mobilidade rigoroso que nos axude a construír un Santiago máis ordeado e de futuro, no que os coches pasen a un segundo plano e as persoas, as familias, recuperan o protagonismo e estean no centro”, con proxectos de pacificación e aparcamentos que vacíen as rúas de vehículos, e carrís bici como o que Verea demandou para Santiago no Parlamento de Galicia, que suporá un investimento de 12 millóns de euros e o primeiro paso para empezar o camiño cara a movilidade sostible.

Verea lamentou tamén que a situación de Santiago nestes últimos 20 anos levase á cidade a unha perda de enerxía social, “temos que recuperar o noso orgullo de cidade e saír de ese conformismo no que levamos tantos anos sumidos, Compostela merece volver ao seu lugar de cidade de referencia internacional”, e engadiu ademais que “non nos podemos centrar só na súa función residencial ou laboral, Santiago é moito máis, cunha función socializadora e potenciando aspectos que fagan comunidade”. 

Pola súa banda, desde o colectivo de arquitectos botan en falta unha liña de colaboración  co Consorcio e maior axilidade nas licenzas. Ademais o seu presidente, Ángel Cid, trasladou a necesidade de que se traballe máis na forma de abordar os retos, e non tanto e propoñer solucións sen madurar e analizar o suficiente.