O Grupo Municipal Popular amósase expectante por coñecer as conclusións que se sacaron da análise, solicitada en setembro de 2021, dos límites de velocidade implantados nas vías municipais e en que treitos se considera que se debería ampliar a velocidade, ademais de cal é o motivo polo que non se deron coñecer ditos datos e, no seu caso, por que non se implantaron aínda os resultados desa análise.
José Antonio Constenla subliña que hai un ano e catro meses, na sesión plenaria do mes de setembro de 2021, o Pleno adoptou por unanimidade o acordo de que o Goberno Bugallo “proceda a realizar unha análise detallada de cada unha das vías municipais e conforme a ela revisar as limitacións de velocidade existentes, especialmente no ámbito rural, conforme á normativa de aplicación, facendo uso da potestade que esta lle confire á administración local para decidir o tipo de limitación a implantar nos distintos treitos da rede viaria municipal.”
Constenla Ramos destaca que é evidente que “esta é unha cuestión que nin preocupa nin ocupa ao Grupo de Goberno, que parece máis conforme con multar que con solucionar problemas, así, como na maioría dos asuntos aprobados no Pleno que non son do “gusto” do Goberno Bugallo deixan pasar o tempo, neste caso un prazo que consideramos máis que suficiente. “Neste momento non temos constancia nin do estudo nin de ningunha modificación a este respecto, posto que mesmo naqueles tramos que se citaban na iniciativa -como o acceso ao Monte do Gozo pola vía das Estrelas, o paso inferior da Avenida do Camiño Francés nas Cancelas ou os longos tramos rurais sen edificacións nas marxes- mantéñense cunha limitación que semella excesiva para facer compatible a necesaria seguridade viaria cunha maior axilidade nos desprazamentos”, subliña o Popular.
Para José Antonio Constenla, axustar a sinalización redundaría non só nos traxectos que realizan vehículos privados e profesionais, senón tamén o propio servizo público de transportes, que está a verse afectado nas súas frecuencias pola ampliación das restricións xenéricas que se están aplicar.