A “ocultación” dos datos de interese por parte do Goberno Bugallo está a ser unha constante neste mandato, ben poderíamos dicir que se está a converter no seu selo identificativo, nesta ocasión referímonos a falta de información da xestión da chamada “Liña Verde”, por iso, o Grupo Municipal Popular, a través do concelleiro Evaristo Ben, presentará unha moción no vindeiro Pleno ordinario para que o Grupo de Goberno faga públicos os datos de dita aplicación.

      O Popular “proponlle ao Goberno local que unha maneira sinxela de levar esta petición a cabo é achegar os datos, de forma periódica, á Comisión de Queixas e Suxestións e difundilos a través da rede, co fin de que se poda coñecer e valorar a xestión que se realiza en relación con esta ferramenta colaborativa”.

      Evaristo Ben explica que, desde hai máis de 6 anos, o Concello mantén contratada unha aplicación que funciona noutras moitas cidades españolas, pola que a cidadanía pode comunicar todo tipo de incidencias, fundamentalmente relacionadas coa situación e mantemento de equipamentos e servizos municipais. 

      Trátase dunha aplicación de utilidade, “aínda que sería conveniente regularizala posto que foi contratada sen seguir os procedementos requiridos legalmente -tal e como sinalan os informes técnicos- por un importe próximo aos 6.000 euros anuais”, destaca o concelleiro Popular.

      Funcionamento da aplicación

      Mediante esta aplicación a denuncia cidadá chégalle directamente ao concelleiro responsable e, no seu caso, á empresa concesionaria do servizo; e a persoa interesada recibe no seu móbil os avisos dos pasos que se vaian dando para resolvela e unha notificación cando o asunto estea solucionado. Trátase, sen dúbida, dunha ferramenta de interese para a organización, seguimento e xestión das incidencias relacionadas co estado dos servizos locais, fomentando a participación e a colaboración da cidadanía.

      Con todo, subliña Otero Ben, a eficacia e a utilidade desta ferramenta podería incrementarse se se introducira unha maior transparencia no seu funcionamento, dando conta de forma periódica das incidencias comunicadas e da súa resolución, en paralelo co que se fai coas queixas e suxestións que se tratan na correspondente comisión informativa á que se poderían trasladar. Ademais desta comunicación aos grupos municipais, a información global co seguimento debería poñerse a disposición da cidadanía na propia aplicación ou nun enlace que remitira á propia web municipal.

      Finalmente, o Popular lembrou que, nos dous últimos anos por iniciativa do anterior concelleiro de Obras, Javier Fernández, un vez ao ano se ofrecían datos en rolda de prensa sobre o número total de incidencias, os índices de resposta e as actuacións realizadas no relativo a este departamento, pero a realidade, unha vez máis, é que “a información resulta xeral e incompleta, sen o necesario detalle nin a desagregación por áreas ou departamentos, algo indispensable para coñecer e valorar a xestión realizada”.