Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, calificou hoxe de “situación de descontrol” o pechamento por parte do concello dun local aberto ao público hai case un mes e no que acaban de investir un millón de euros, dando ademais traballo a máis de 30 familias.

Para Verea isto é unha mostra máis de que “Santiago non funciona con este goberno socialista, ao que levamos anos vendo asfixiar á cidade, cunha situación de colapso non só da administración municipal senón de toda Compostela”.

O líder popular criticou a forma de proceder por parte do concello, “hai que coñecer o fondo xurídico do asunto, pero está claro que as formas non semellan as correctas, ninguén entende que un proxecto destas dimensións poida levar aberto case un mes e de súpeto sufra un precintado inmediato”. “Isto amosa unha vez máis o que levamos tempo denunciando e é que non hai seguridade xurídica para quen queira apostar pola nosa cidade”, lamentou Verea. Neste senso, destacou que “con esta forma de desgoberno o único que están facendo os actuais dirixentes socialistas é espantar e meter medo a calquera que queira investir e crear riqueza en Santiago”.

O candidato á Alcaldía destacou que “quero ser o alcalde de Santiago precisamente para traer seguridade xurídica á cidade, converter Compostela nun lugar amable cos emprendedores e construír entre todos ese Santiago de futuro, onda volva a alegría, o comercio, os investimentos, e, sobre todo, a confianza dos que arriscan o seu patrimonio para crear un Santiago mellor”. Así afirmou que “eu seguirei traballando para que en maio haxa un novo goberno con ganas e capacidade de liderado para devolver aos veciños o orgullo e a autoestima que merecemos”.