O voceiro Popular; José Antonio Constenla, presentará, no Pleno ordinario deste mes de decembro, unha proposición na que lle esixirá ao Goberno Sánchez Bugallo que incremente a transparencia e a participación institucional na súa acción, velando polo cumprimento en tempo e forma das normas e códigos de aplicación para o bo goberno municipal. Así, o Grupo Popular lembraralle ao alcalde que “non pode confundir a súa labor institucional no Concello coa súa labor partidista no partido socialista e debe aumentar a transparencia, sinónimo de cultura democrática, algo que non ten practicado nos últimos catro anos na súa xestión municipal”.

O Popular destaca que, aínda que hai numerosas normas que destacan a importancia e a obriga de que nas administracións públicas se adopten medidas que incorporen a máxima transparencia na súa acción, para que representantes públicos e o conxunto da veciñanza poidan ter acceso a toda a información co fin de fiscalizar mellor o seu labor, “no Concello de Santiago, sobre todo durante o actual mandato estanse a manter costumes e prácticas por parte do Goberno que dificultan ese seguimento”.

José Antonio Constenla insiste en que esa forma de actuar, protagonizada polo escurantismo, aumentou nos últimos meses, xa que o Grupo de Goberno apura ao máximo os prazos para a entrega de convocatorias e da documentación necesaria para analizar os asuntos a abordar nos plenos e nas comisións informativas. 

Esconder á oposición

O Goberno Bugallo non ten en conta que moitos destes asuntos teñen unha complexidade que precisa dun estudo e asesoramento en profundidade; tamén resulta patente a habitual comunicación “a última hora” -cando se envía- de actos institucionais, dentro e fóra do propio consistorio, que semella “ter o claro obxectivo de esconder á oposición ou evitar que os outros grupos da corporación poidan asistir”.

O Popular denuncia tamén que “as irregularidades na transparencia e participación esténdense ás demoras ou incumprimentos no envío de datos e solicitudes de información, que son requiridos formalmente, incumprindo o sinalado nas propias normas municipais; por non citar a inclinación partidaria das informacións nos soportes institucionais que agachan as iniciativas da oposición, mesmo aquelas que son aprobadas por unanimidade; sen esquecer o emprego das roldas de prensa para fins partidistas como o anuncio da candidatura á reelección do actual alcalde desde o estrado da sala de prensa do Concello”.

Esta falta de información e de participación non afecta en exclusiva aos grupos municipais, posto que a través das suxestións e queixas que se presentan ante o Concello tamén se comproba que a padecen un gran número de veciños e veciñas que reclaman unha maior atención e o cumprimento das normas de transparencia e bo goberno que deben presidir o funcionamento da administración pública.