Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago, dirixiuse hoxe no Viño de Nadal do PP compostelán, a un auditorio de máis de 500 persoas ao que quixo primeiramente agradecer “todo ese apoio, esa enerxía positiva que me trasladades non só hoxe, senón todos os días”, ese, engadiu, “é o motor que me leva a traballar sen parar 24 horas ao día, 7 días á semana, para conseguir con todos vós, xuntos, esa meta que é gañar as eleccións municipais de 2023 e comezar por fin a gobernar Santiago”.

Borja Verea, acompañado polo presidente do PPdG, Alfonso Rueda, a secretaria xeral, Paula Prado, o presidente provincial, Diego Calvo, e o secretario provincial, Evaristo Ben, ademais de membros do Goberno da Xunta e deputados, deixou claro que non hai ningún segredo nin apócema máxica, senón que do que se trata é de seguir sumando veciño a veciño, “coa mesma humildade coa que vimos traballando nos últimos anos, pero tamén con toda a firmeza e seguridade de que estamos construíndo o mellor programa de goberno para o futuro de Santiago”.

O líder popular pediu saír á rúa a escoitar aos veciños, porque a política “non é un día máis na oficina, desde un despacho non se solucionan os problemas”. “Por iso quero ser o próximo alcalde de Santiago, para solucionar os problemas e construír con todos vós un novo compostelanismo, desde Santiago e para Santiago, sen complexos, con toda a ambición e seriedade pero tamén con toda a serenidade e tranquilidade”, salientou. 

O tamén deputado autonómico lembrou ademais as propostas anunciadas nos útltimos meses como o seu obxectivo de chegar aos 100.000 habitantes, a construción da cidade deportiva de San Lázaro, a aplicación de políticas que sitúen ás familias no centro, ou a súa aposta porque os coches pasen a un segundo plano coa construción de novos aparcadoiros.

Verea pediu ademais que “non baixemos o ritmo, non nos confiemos agora que as enquisas dan ben e eles están nerviosos”, e puxo como exemplo de ese nerviosismo as contínuas faltas de respecto e insultos que desde hai uns meses lle lanzan desde o partido socialista de Santiago, “pero non vos preocupedes, nós por cada insulto, unha nova proposta para a cidade”, apuntou.

Para o candidato á Alcaldía “chegou o momento de despertar Santiago, de recuperar a autoestima e de deixar atrás o conformismo no que a cidade está sumida desde hai anos, e se me axudades, xuntos gañaremos as eleccións municipais e serei o alcalde de todos, levando a Santiago ao século XXI”, sentenciou.