O Grupo Municipal Popular, a través do concelleiro Pedro Rey, reclamaralle ao Goberno socialista, no vindeiro Pleno ordinario, que se adopten as medidas necesarias para que se lle dea prioridade e que axilice as autorizacións solicitadas para a obtención da Tarxeta de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.
Rey Sanchiz destaca que, nos últimos meses, “temos recibido algunhas queixas relacionadas coa lentitude coa que se están a tramitar estas tarxetas, unha circunstancia que agrava o seu problema e causa un gran prexuízo ás persoas afectadas e ás súas familias”.
Para o Popular, o problema increméntase, xa que, “aínda que o procedemento se pode facer a través da Sede electrónica do Concello, o surrealista é que se lles obriga ás persoas solicitantes a entregar dúas fotos de xeito físico, malia que xa as achegaran no proceso de tramitación en liña, a través do rexistro electrónico”, o que ven a ser un exemplo máis da “absurda burocracia” que impera co Goberno socialista no Concello de Santiago.
“Aínda sendo conscientes dos requisitos para a correcta tramitación co fin de outorgar a autorización para aparcar nas prazas habilitadas para persoas físicas con mobilidade reducida ou persoas xurídicas titulares de vehículos destinados só ao transporte colectivo de persoas con mobilidade reducida que presten servizos sociais de promoción da autonomía persoal e de atención á dependencia, coidamos que nos casos que afectan máis directamente á saúde e ao benestar da cidadanía deberían ter unha clara prioridade na prelación deste tipo de autorizacións”, explica.