Unha vez máis o Grupo Municipal Popular levará ao Pleno ordinario a o xa famoso treito da Vía Verde que transcorre polo termo municipal de Santiago. Nesta ocasión, o concelleiro Evaristo Ben interrogará ao Goberno socialista en relación a esta infraestrutura, posto que os Populares queren saber cal é o motivo polo que se decidiu “trocear” a execución do tramo da Vía Verde que transcorre polo Concello, acometendo só unha quinta parte do treito que falta e que cronograma ten establecido o Grupo socialista para completar todo o tramo ata o límite de Oroso.
“Tamén queremos coñecer ata cando terán que esperar as melloras nas pontes de Vilariño e Castro, na parroquia de Busto, que, este momento, se atopan sen as debidas condicións de seguridade e accesibilidade sobre o vello trazado ferroviario, que deberían ser obxecto de actuación cando a Vía Verde; cando se fará pública a licitación deste primeiro subtramo entre A Sionlla e Bálsoma; e cando prevé o Goberno socialista que se inicien e rematen estas obras”, incidiu Ben Otero.
Por outra banda, o Grupo municipal Popular tamén quere saber como se vai resolver a continuidade desta fase 1 entre A Sionlla e Bálsoma de forma que se garanta a “gran accesibilidade para todo tipo de bicicletas, de cadeiras de rodas, de carriños de bebés e de persoas con minusvalías (sic)”, tal e como asegurou o Goberno socialista nas súas informacións sobre esta actuación e se os socialistas non creen que esta decisión pode converter esta actuación de apenas 2 quilómetros nun trazado illado e inconexo, limitando por moito tempo as grandes posibilidades e o atractivo do resto da Vía Verde que xa se atopa operativa.
O concelleiro Popular quixo ademais que o Goberno socialista explique cal é o custo que se manexa para os 8,1 km. que quedarán por executar no Concello, como se van financiar e cando estima o Grupo de Goberno que se poderían poñer en servizo e que pasos se teñen dado para avanzar no proxecto de conectar a Vía Verde entre A Sionlla e o centro da cidade, conforme ao acordo plenario adoptado no pasado mes de maio.
Antecedentes
O pasado 21 de novembro a Xunta de Goberno aprobou o proxecto de “Acondicionamento do trazado de ferrocarril en desuso Santiago de Compostela-Cerceda para uso como Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle / Tramo 1”, cun orzamento de execución próximo aos 800.000 euros.
Segundo consta no convenio de colaboración de 2017 entre a Deputación e os concellos da traza para o seu financiamento dos proxectos, a totalidade da Vía Verde entre Santiago e Cerceda, de 36,5 km de lonxitude, fora dividida en 6 tramos, dos que 5 están rematados ou en execución (72% do tal) e unicamente queda sen iniciar o tramo entre Santiago e o límite do Concello de Oroso, de 10,2 km. de lonxitude.
Evaristo Ben concreta que, a pesar do atraso que leva o tramo no territorio municipal de Santiago, o Goberno socialista acordou aprobar agora un proxecto para a súa licitación nunha “primeira fase” de apenas 2,1 km (entre a estación da Sionlla e as inmediacións do lugar de Bálsoma), o que representa o 20% do trazado pendente no Concello e apenas un 5,7% do trazado total.
Así, subliña “segundo a planificación que se deriva desta decisión, cando se rematen as obras aínda quedará o 80% do trazado pendente (8,1 km), sen que se teñan ofrecido explicacións sobre este proceder nin sobre as moitas dúbidas que suscita a actuación prevista”.