O Grupo Municipal Popular, a través da concelleira María Antón, preguntará, no Pleno ordinario deste mes de decembro, ao Goberno socialista en que consiste a “solución intermedia” para levar a cabo o proxecto do aparcamento da rúa Triacastela. Para a Popular, o Grupo de Goberno tamén debe explicar que orzamento suporía e en que prazo prevé o Goberno socialista que podería estar operativo.
Antón Vilasánchez lembra que, na sesión plenaria do 5 de abril de 2022, o Grupo Popular presentou unha pregunta para coñecer a situación real do proxecto do aparcamento da rúa de Triacastela, cuxas obras foran adxudicadas e o contrato formalizado a mediados de xaneiro de 2021, cun prazo de execución de 4 meses.
A realidade, subliña a Popular, é que “as obras proxectadas non foron executadas e, no seu lugar, o Goberno socialista acometeu un acondicionamento provisional da zona -que fora solicitado polo noso grupo ante o seu calamitoso estado- á espera de desenvolver o proxecto “para cando se estime máis conveniente”, segundo se manifestou daquela”.
Finalmente, María Antón lembra que, no pasado mes de novembro, en resposta a unha pregunta dun grupo da oposición sobre as obras da rúa dos Concheiros, o novo responsable de obras indicou que o proxecto previsto para o aparcamento de Triacastela precisaba dun modificado que incrementaría o custo nun 30%, polo que se optaría por unha “solución intermedia”, co que continúa o “misterio” do aparcamento de Triacastela.