O portavoz do Grupo Popular, José Antonio Constenla, presentará unha iniciativa no Pleno municipal deste vindeiro mes de xaneiro para que o Concello inste á Deputación da Coruña a que se retomen coa maior urxencia posible os traballos para rematar as obras de ampliación de plataforma da estrada provincial DP7802 entre Roxos e Frais. No texto tamén se propón demandar do organismo provincial a redacción do proxecto para a segunda fase entre Frais e Reborido, de apenas 1 km. de lonxitude, para completar a mellora deste estreito e sinuoso itinerario.

Para os populares, a parálise de máis de un mes das obras están a causar graves problemas de seguridade e de accesibilidade á veciñanza da zona e a todas as persoas que a diario transitan por esta importante vía pola que se accede, entre outros lugares, á igrexa parroquial e ao centro sociocultural, e pola que transitan a diario un liña do transporte urbano e peregrinos que percorren o camiño cara Fisterra, cuxo itinerario atravesa este trazado en obras.

“A Deputación non pode deixar abandonada unha obra nestas condicións, sen preocuparse do acceso a vivendas, garaxes e fincas, sen drenaxes que impidan a acumulación de augas nas marxes, cunha sinalización claramente deficitaria e insuficiente e cun firme inzado de fochancas como as que dificultan o paso do rego de Roxos”, afirma o portavoz popular. Para José Antonio Constenla as obras adoecen dunha “evidente falta de previsión e planificación” difícil de explicar para un proxecto que foi redactado en 2018, coas expropiacións realizadas en 2019, licitado en 2020, adxudicado en marzo de 2021 e que debería estar rematado no pasado mes de abril, cando finalizou o prazo de doce meses recollido no contrato.