Borja Verea, candidato á Alcaldía do Partido Popular, mantivo, estes días, un encontro coa veciñanza de Salgueiriños e San Caetano para coñecer, de primeira man, as deficiencias que soportan cada día. Esta xuntanza inclúese dentro dos diferentes reunións que leva meses a manter cos veciños de Santiago.
O candidato Popular constatou unha vez máis que a realidade de Santiago é que, pasados catro anos de mandato do Goberno socialista, nada se fixo e os veciños seguen a sufrir as mesmas carencias.
No transcurso desta reunión, foron moitas as deficiencias que denunciaron os residentes, salientando o estado de total abandono do Camiño dos Vilares, onde se lles está a facer máis difícil o seu día a día, con por exemplo as beirarrúas, que se atopan nun estado intransitable, sobre todo, para a xente de maior idade; así mesmo reclamaron a importancia de acondicionar as tapas dos sumidoiros, posto que a que non está levantada está rota, polo que soltan as verteduras cara a rúa. Especial fincapé fixeron tamén na ausencia de iluminación nesta zona, onde ademais fan falla pasos peonís. E demandaron que se conecte a travesa de Chan de Curros co Camiño dos Vilares, conexión que o goberno socialista lles prometeu hai anos e que nunca chega, ademais de arranxar o posible para que non se produzan inundacións na zona.
Os veciños tamén denunciaron que, na contorna da explanada do mercado, carecen de zonas arboradas e bancos, e só se poden sentar nas escaleiras da delegación de Facenda. Así, reclamaron a colocación de baños públicos, que tamén poderían dar servizo ao aparcamento de caravanas que hai en dita área; o arranxo da fonte de Salgueiriños de Arriba; a mellora no sistema de alumeado público; o arranxo das escaleiras nas inmediación do CEGADI; e que se leve a cabo o mantemento de lavadoiros e fontes na zona, entre outros.
Borja Verea insiste en que é inconcibible que a “catro pasos” do centro de Santiago, os veciños da capital de Galicia vivan sen as condicións básicas, xa non dunha capital de Autonomía, senón sen as condicións indispensables de calquera vila de máis de 10.000 habitantes. A situación desta zona deixa claro que o Goberno socialista “non ten movido un dedo para acadar solucións para estas numerosísimas deficiencias, a pesar de ter pasado case un mandato e andar presumindo do moito que coñece Santiago e os seus problemas”.
O candidato Popular reiterou que o Goberno socialista empregou estes catro anos en non facer nada, usando escusas que valen para todo, como a da Covid para non mover nin un papel.
Borja Verea destaca que onde non lle treme o pulso ao Goberno socialista é á hora de poñer impostos, cobrándolle uns cartos aos veciños que logo estes non ven reflectidos na mellora da cidade. Así deixou claro que, se consigue a confianza suficiente dos composteláns nas vindeiras eleccións, en Santiago deixará de haber veciños de primeira e de segunda, e a cidade recuperará a súa dignidade, comezando polo mantemento e servizos básicos que merece. Nese senso salientou a posta en marcha da humanización da explanada do mercado ou o mantemento da fonte de Salgueiriños de Arriba, símbolo do barrio.