Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, pediu hoxe ao goberno socialista que non tome por tontos aos veciños de Santiago tras acusación por parte do PSOE de Santiago de votar en contra dun novo centro de saúde en Conxo.
Para Verea, este tipo de argumentarios son froito da preocupación do goberno socialista ao ver que non lle saen as contas de cara ás próximas eleccións municipais, “nós estamos poñendo cada semana novas medidas, novas propostas sobre a mesa para o futuro de Compostela, e eles levan catro anos sen facer absolutamente nada”, sinalou.
Así o candidato á Alcaldía quixo deixar claro que o que rexeitou no Parlamento foron máis de 1.000 enmendas en bloque da oposición aos orzamentos da Xunta, “1.000 enmendas do BNG e do PSOE demagóxicas e partidarias, cuxos argumentos para a desaprobación están no diario de sesións a disposición de todo o mundo”, e engadiu que “volvería facelo cantas veces sexan necesarias”.
Neste senso, este tipo de ataques entran dentro da campaña de nerviosismo que iniciaron tanto o PSOE como o BNG hai un tempo, “primeiro recibicín descalificativos como facha, despois cuestionaron o meu traballo no Parlamento de Galicia, o meu soldo, vetáronme ademais en actos nos que tiña presenza o Goberno socialista e os nacionalistas, puxeron en dúbida a miña traxectoria de xestión, chamáronme extremista de dereitas, e agora acúsanme de ir contra os intereses da miña cidade”.
“Todo o tempo que están a perder en atacarme a min estaría ben que o empregasen en facer algo pola nosa cidade, eu desde logo seguirei defendendo Santiago, traballando desde o meu posto de parlamenario e como candidato á Alcaldía, e facendo propostas para levar Compostela ao século XXI”, destacou o líder popular.
Así, Verea insistiu na súa aposta por un novo centro de saúde en Conxo, “se consigo a maioría suficiente para ser Alcalde da miña cidade, liderarei ese novo centro de saúde en Conxo, e defenferei e promoverei que sexa no psiquiátrico”.