Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, acusou hoxe ao goberno socialista de improvisar, unha vez máis, no proceso de recollida de lixo do Casco Histórico.
Verea agradeceu ao PSOE que nas últimas semanas de mandato intentasen facer algo novo, pero lamentou que volvesen faltar á verdade, presumiron de transparencia; afirmaron que todos os axentes implicados (veciños, comercio e hostalería) estaban ao tanto do que se ía facer; e desde o xoves o único que nos estamos atopando son queixas polo mal funcionamento e falta de información”, “outro exemplo de improvisación no que demostraron que non traballaron o suficiente este sistema, nin escoitaron o suficiente á xente”, insistiu.
Para o líder popular o primeiro no que debería centrarse o concello é en facilitar o día a día aos veciños e comerciantes, e parece que non coñece o seus horarios. Así recoller os envases lixeiros da hostalería ás 17:00 cando a maioría están pechados ou propoñer a recollida porta a porta en horario de máxima afluencia de clientes, é un exemplo máis da falta de ganas do goberno socialista á hora de xestionar a cidade. Ademais destacou que os materiais que se están usando non encaixan dentro dos propios locais e reiterou as queixas dos veciños que comprobaron nos primeiros días de uso que as illas non teñen ocos suficientes para as bolsas. Verea salientou que “estamos a falar dun sistema que está costando explicar, con horarios que complican máis a vida dos veciños e, se os seguimos a comparar cos do Ensanche, esta non é forma de promocionar que a xente se mude ao Casco Histórico”.
Neste proceso resulta tamén incomprensible que se estean a almacenar as illas en Salgueiriños porque os camións non teñen a autonomía suficiente para chegar ata a base de Urbaser. “¿Que tipo de planificación é esta cando nin sequera os vehículos son quen de percorrer a ruta establecida por falta de batería?”, cuestionou Verea.
Preguntouse ademais se estas illas que están en Praterías, San Martiño Pinario diante da igrexa ou incluso no Toural pasaron pola comisión de Patrimonio, “xa que calquera veciño, calquera negocio que queira facer algo por pequeno que sexa ten que pasar mil filtros e sobre todo o filtro da Comisión de Patrimonio, e no caso destos colectores o impacto visual que todos puidemos comprobar non é menor”.
Así, destacou o líder popular que “que estes colectores estean aí é un exemplo máis da total improvisación e como digo de faltar a verdade”, e insistiu en que “estaba falado, estaba traballado, escoitaran a todo o mundo, presumián dun exercicio de transparencia tremendo, e ás poucas horas, e aos poucos días o que temos son queixas e cuestións tan ridículas como atoparnos toda a explanada de Salgueiriños con estas illas”, sentenciou.