O Partido Popular, a través do seu voceiro, José Antonio Constenla, destaca que a dimisión do concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, é a confirmación do que “os Populares levamos denunciando desde hai meses, que a cidade de Santiago está soportar un Goberno que lles minta e que desvíe diñeiro para favorecer a amigos”. No día de onte, os Populares, dicía, “denunciábamos as irregularidades cometidas polo Goberno socialista ao tolerar a vinculación do concelleiro de José Manuel Pichel co local alugado propiedade de persoas relacionadas co Partido Socialista de Galicia e co sindicato UXT-Galicia”
Para o PP, “esta non é máis que a punta do iceberg, polo que esta situación non pode quedar só na dimisión do concelleiro e deberían depurarse máis responsabilidades”. O voceiro Popular, José Antonio Constenla, asegura que manterase a petición de explicacións no vindeiro Pleno ordinario, xa que o Goberno socialista ten que aclarar de forma urxente o desvío de 90.000 euros a unha empresa vinculada ao Partido Socialista e a UGT-Galicia, a través do concelleiro José Manuel Pichel, responsable do contrato de alugueiro dun inmoble situado no parque empresarial da Sionlla, destinado a servizos municipais de Parques e Xardíns e do Medio Rural.
O voceiro Popular xa anticipaba que “moito nos tememos que esa cantidade poda subir, posto que o inicio das obras para o acondicionamento das oficinas no recinto de Amio non teñen data de inicio e nin están licitadas”.
Así, seguirase reclamando que expliquen cal foi o motivo polo que non se incluíu na documentación do acordo para este contrato o informe xurídico que xustifique os motivos que sustentan esta adxudicación directa e por que non se abriu un procedemento de concorrencia pública, “que é a norma xeral, para recibir ofertas, tendo en conta que o traslado dos locais da antiga estación de autobuses era coñecida desde hai anos”.
Constenla Ramos cree imprescindible transparentar quen e como se realizaron as “prospeccións de mercado” para a selección destas oficinas concretas, é dicir, cal foi o sistema de baremación e que resultados acadaron os demais locais contemplados.
“Outras das incógnitas que non teñen resposta a día de hoxe, subliña o Popular, é cal é o motivo polo que aínda non se teñen licitado nin adxudicado as obras para o acondicionamento das oficinas no recinto de Amio e que previsións manexa o Goberno para a súa completa execución e o consecuente traslado dos servizos e, o que é máis importante, debe explicar o Goberno socialista é se era coñecedor da vinculación do concelleiro de José Manuel Pichel co inmoble alugado propiedade de persoas relacionadas co Partido Socialista de Galicia ou co sindicato UXT-Galicia.
Desde os Populares plantéxanse serias dúbidas se na contratación dos locais provisionais para os servizos municipais de Parque e Xardíns e do Medio Rural, o Goberno socialista respectou a normativa de contratación no relativo aos principios de publicidade, concorrencia e igualdade, así como o Código ético e de conduta do Concello e a Declaración de ausencia de conflito de intereses que deben subscribir os membros do Goberno municipal.