O Grupo Municipal Popular, a través do seu concelleiro Pedro Rey, pediralle ao Goberno socialista, no vindeiro Pleno ordinario, que explique os pasos que ten dados para a redacción do proxecto de mellora da mobilidade e a accesibilidade a través das rúas Diego Bernal e Fontes do Sar e a súa posterior execución, para beneficiar a todo o ámbito comprendido entre os barrios de Sar e As Fontiñas, cando teñen pasado xa máis de tres anos sen que se teña constancia de ningunha nova en relación a este asunto.

A falta de información, ademais de previsión e coordinación, son unha constante no Goberno socialista; así o Popular tamén reclamará explicacións sobre cales foron as xestións que o Grupo de Goberno realizou ante outras administracións para que se proxectara e executara o novo viario previsto no PXOM que conecte a rúa do Sandino co complexo da Cidade da Cultura e polo tanto co novo enlace da autoestrada AP-9.

Nos primeiros meses do actual mandato, concretamente en novembro de 2019, por iniciativa do Grupo Popular, o Pleno da Corporación, por unanimidade dos seus membros -incluídos os concelleiros do actual Goberno socialista- acordaba que o Concello procedera á redacción dun proxecto para a mellora da mobilidade e a accesibilidade a través das rúas Diego Bernal e Fontes do Sar e a súa posterior execución, para a mellora de todo o ámbito comprendido entre os barrios de Sar e As Fontiñas.

Tamén se instaba ao Goberno local a desenvolver todas as xestións precisas, tanto de iniciativa municipal como instando a outras administracións, para que se proxecte e execute o novo viario previsto no PXOM que conecte a rúa do Sandino co complexo da Cidade da Cultura e polo tanto co novo enlace da autoestrada AP-9.

Como reitera o concelleiro Popular, pasados máis de tres anos, nada se sabe deste proxecto, unha situación que se repite coas iniciativas aprobadas en Pleno, incluídas as que saen adiante por unanimidade, e que para o Goberno socialista parece que non existen, xa que deixan sen facer a gran maioría das mesmas.