Borja Verea, candidato á alcaldía de Santiago polo Partido Popular, esíxiulle esta mañá desde FITUR ao alcalde socialista que aclare de maneira inmediata todas as incógnitas que aínda existen sobre o aluguer dun inmoble a membros do PSOE, por parte do ex concelleiro de Medio Rural, Xosé Manuel Pichel. Para o Popular, estas actuacións lembran a anteriores gobernos socialistas de Santiago, que se caracterizaban polo seu “escurantismo e o clientelismo”
Verea Fraiz destaca que “mentres o Partido Popular está preparando o Santiago do século XXI, cun programa de goberno serio e de futuro, o PSOE de Bugallo está a perder o tempo para favorecer aos amigos” e, o que é e peor, facendo que a capital de Galicia continúe a perder oportunidades de crecemento e modernización.
Para o Popular, hai dúas preguntas que seguen sen ter resposta e que apuntan directamente ao alcalde. A primeira é se houbo ou non enriquecemento persoal; “xa que hai que saber que valor tiñan as participacións de Pichel en Desproi S.L. cando se desfixo delas, se o fixo; e a quen lle foron outorgadas e por canto”.
“A segunda pregunta que aínda non ten aclaración é por que a Concellería de Parques e Xardíns, da que é titular a concelleira Mila Castro, propuxo esta instalación sen concurso público, quen llo indicou, quen as validou; e se non había outras oficinas en toda a cidade”, incidiu.
Por outra banda, insiste Borja Verea tamén é necesario aclarar “que vai pasar con este contrato, que ata o de agora xa encheu os petos dos “amigos do Goberno socialista”, pero que segue en vigor”, polo que a cantidade “recadada” neste momento, que chega a máis de 90.000 euros, se verá multiplicada co paso dos meses, isto tamén debe ser explicado polo alcalde socialista.Así, mentres o Goberno socialista segue funcionando con “políticas do século pasado, nós seguimos traballando para darlle aos composteláns a cidade que merecen e necesitan, ofrecendo propostas que faciliten a vida diaria da cidadanía”, sinalou Verea. Neste senso, continuou o candidato á Alcaldía, “proxectamos unha cidade deportiva ou a eliminación dos coches no Campus Sur; e paralelamente o actual goberno, un goberno fallido, continúa desfacéndose e deixando a Santiago fóra de xogo”.