O voceiro Popular, José Antonio Constenla, e o deputado autonómico, Borja Verea, anunciaron hoxe, en rolda de prensa, que ante a falta de respostas, as mentiras e as informacións cada día máis escandalosas “darémoslle traslado aos servizos xurídicos do partido para que poña a disposición da Fiscalía Anticorrupción toda a documentación da que dispoñemos”.
Para os responsables Populares, “os acontecementos gravísimos que estamos a vivir nas últimas semanas son un bochorno que non merecen os cidadáns de Compostela”.
Borja Verea asegura que “o alcalde socialista é o culpable deste espectáculo esperpéntico, o alcalde Bugallo e o seu Goberno de concelleiros que, en poucas horas, acumulan: mentiras, contradicións e insultos, antes de ser arrasados pola realidade, realidade que supuxo a dimisión, pola porta de atrás, do ex concelleiro Xosé Manuel Pichel, deixando un rego de mentiras, pero o que é máis grave, de indicios demoledores que veñen a demostrar que non estamos ante un erro, senón ante unha trama organizada que ten como obxecto desviar fondos públicos a empresas amigas que acaba de destapar, á vista de todo o mundo, o “modus operandi” do sistema clientelar dos gobernos de Bugallo”.
Os santiagueses soportan “un Goberno de Bugallo que aluga unha nave que é propiedade dun dos seus concelleiros e que chega á desfachatez de facelo a dedo, sen concurso público a pesar da advertencia da Intervención Municipal”, destacou Verea Fraiz.
Os Populares fixemos unhas preguntas concretas que seguen sen resposta, nesta trama participan máis persoas que seguen sen responder preguntas como: “por que a concelleira Mila Castro propuxo unicamente esta nave propiedade do seu compañeiro concelleiro?, indicoullo alguén, se llo indicaron, con que fin e por que?.”
Borja Verea remarca que esta responsable pública “non pode levar días sen contestar a estas preguntas, ademais hai unha cuestión que nos estamos a facer todos estes días, “por que un mando do Goberno de Bugallo ten unha empresa a medias con UXT?”.
Hai máis incógnitas respecto a isto: “os beneficios desta empresa, repártense a medias entre UXT e o ex conselleiro Pichel?, presuntamente, isto chámase “testaferro”, e non sabemos cantos cartos se levan desviado e a quen lle venden os servizos e por canto?”.
“Mentres non se aclaren estas incógnitas o que parece é que estamos ante unha “trama organizada”, onde Bugallo utiliza o PSOE e o diñeiro dos composteláns para que os seus amigos se repartan os cartos, polo que este silencio culpable esixe toda a nosa contundencia para defender os intereses dos composteláns”, incidiu.
Así, Borja Verea subliñou que “ante a falta de respostas, ante as mentiras e contradición, ante as informacións cada día máis escandalosas, poñeremos a disposición da Fiscalía Anticorrupción toda a documentación da que dispoñemos”.
Ao final da súa comparecencia, o deputado autonómico destacou que “mentres, o PSOE está máis interesado en deseñar formas para facerse co diñeiro dos composteláns nós seguimos traballando para construír o Santiago do Século XXI”.