A concelleira Popular, María Antón, esixiralle no Pleno ordinario desta semana ao Goberno socialista que explique os motivos que xustifican a paralización das obras do Palacete do Espiño; cal é a porcentaxe de execución de obra realizada e que cantidade concreta se lle aboou por ela á última empresa adxudicataria. Así mesmo, a Popular tamén pide explicacións sobre cal é a estimación económica que se ten establecido para a completa execución desta rehabilitación e, sobre todo, canto diñeiro público se ten investido xa no Palacete do Espiño desde a súa incorporación ao patrimonio municipal.

Como lembra María Antón, a rehabilitación do Palacete do Espiño é unha vella aspiración que o Goberno socialista está a demorar máis alá de toda previsión.

Tras o anterior mandato, se resolvera o contrato para a súa rehabilitación polas deficiencias detectadas na consolidación e se volvera a redactar un proxecto reformado, as obras foron licitadas novamente en setembro de 2019, presentándose unha única empresa que finalmente retirou a súa oferta e renunciou á adxudicación. En xaneiro de 2020, a Xunta de Goberno local aprobou unha nova reforma do proxecto de rehabilitación do Palacete, cuxas obras serían adxudicadas en xullo de 2021 por 1,42 M€ e un prazo de 12 meses, formalizándose o contrato o 3 de agosto de 2021.

Pasado ese tempo, en maio de 2022, cando xa transcorreran nove meses desde o inicio da obra, a falta polo tanto de tres meses para o remate do prazo contractual, o alcalde e a concelleira de Urbanismo visitaban as obras sen que transcendera ningún impedimento para a súa finalización, pero o 12 de xaneiro de 2023, cando xa se superara en case 5 meses o prazo fixado inicialmente para o seu remate, saltou a “sorpresa” aos medios informativos -sinalando que “fontes do Goberno municipal”- dan a coñecer a paralización das obras de rehabilitación do Palacete do Espiño “tras esgotarse o diñeiro ao variar a obra”. 

Por isto, a concelleira Popular fai esta denuncia ante a falta de transparencia, algo característico do Goberno socialista, posto que segundo o que se fai público, “unha modificación do proxecto debido ao mal estado da estrutura levou boa parte do orzamento inicial. Haberá que redactar outro proxecto, dotalo de recursos e sacalo a licitación”. Ao parecer, a extinción do contrato levouse a cabo “de mutuo acordo”, sen maiores explicacións.

Área de xogos infantís do parque de Vista Alegre

Pola súa banda, a vicevoceira Popular, María Castelao, tamén presentará un rogo polo que lle reclama a Goberno socialista que dote á área de xogos infantís do parque de Vista Alegre dun valo de protección que delimite o espazo, co fin de impedir a proliferación, nese lugar, de excrementos de mascotas e que se proceda a limpeza e acondicionamento dos equipamentos existentes, tal como nos solicitaron os veciños a través de numerosas queixas.

María Castelao destaca que “o crecente interese” que vén manifestando, nos últimos meses, o Goberno socialista co anuncio de creación de novos parques e instalacións lúdicas dedicadas á infancia, “contrasta coa desatención e esquecemento das continuas necesidades que se veñen detectando nas máis de 70 áreas de xogos infantís que hai no termo municipal”.

Así, ante o desleixo do que fai gala o Grupo socialista, “os Populares traemos á consideración unha actuación de mellora na zona infantil do Parque de Vista Alegre, que veña a complementar as accións feitas no seu día para adaptar este espazo ás necesidades da veciñanza”.