Borja Verea, candidato á alcaldía do Partido Popular, anunciou hoxe un dos seus proxectos máis importantes de cara ao vindeiro mandato: o aparcamento subterráneo do Campus Sur, que contará con 500 prazas e que significará un gran avance na mobilidade da capital de Galicia e co que se conseguirá “eliminar todos os vehículos do Campus Sur”.
O Popular destaca que, se a veciñanza lle dá a súa confianza o vindeiro día 28 de maio, esta será unha das iniciativas nas que empezará a traballar de xeito inmediato co obxectivo de ter o novo aparcamento licitado e adxudicado nos primeiros 12 meses de mandato, posto que esta infraestrutura “facilitará acadar unha Compostela máis humana e máis amable, tanto para o tránsito dos vehículos como dos peóns”.
“O aparcamento do Campus Sur contará con tarifas públicas e reducidas e cumprirá co obxectivo de eliminar os vehículos do centro”, remarca Borja Verea, quen tamén afirma que “nunha capital como Santiago, prohibir o uso do coche é non coñecer a cidade, posto que antes é imprescindible dar solucións para aparcar e modernizar o seu transporte público”.
Este aparcamento completamente subterráneo suporá unha remodelación do Campus Sur, mantendo o mobiliario senlleiro, así como as árbores e modernizando todos os espazos para maior desfrute das familias, veciños e comunidade universitaria, é dicir, un Campus para o século XXI.
Así mesmo, esta infraestrutura contará con dúas prantas, con 480 prazas, cada unha delas cunhas dimensións de 5 x 2,50 metros e cunha reserva dun 8% para prazas adaptadas, tendo os seus accesos principais polas rúas Avenida da Coruña e Rosalía de Castro . Tamén contará con 6 accesos peonís, dous deles con ascensor e a súa licitación, construción e xestión sería completamente municipal e con tarifas e prezos reducidos para non depender de concesionarias privadas.
Borja Verea quixo lembrar as súas palabras de hai unhas semanas, nas que destacou que “a pacificación e humanización de calquera zona da cidade require previamente unha solución de aparcamento para os vehículos” e, en Santiago, “levan anos quitando prazas de aparcamento do centro da cidade e dos barrios, e o único que conseguen é ter o tráfico máis colapsado que nunca, xa que non foron quen de poñer en marcha ningunha solución de aparcamento seria e solvente neste mandato”.


