O Partido Popular, a través do voceiro José Antonio Constenla, denunciou hoxe, en rolda de prensa, que o Goberno socialista compensou unha débeda á empresa propiedade do ex concelleiro Xosé Manuel Pichel e á que o Goberno de Bugallo alugou unha nave no parque empresarial da Sionlla para servizos municipais. Ante esta situación, o Populares creen que xa é o momento de que o Goberno dea explicacións serias e depure responsabilidades.
O voceiro Popular destacou que na documentación que lle foi entregada ao Grupo Popular, tras solicitala de forma reiterada, se puido comprobar que o documento onde queda reflexada dita compensación non aparecía no expediente, polo que “nos fai sospeitar que a documentación que nos entregaron non está completa”. Constenla Ramos tamén incidiu que o Goberno socialista en vez de dar explicacións parece máis preocupado en “por paos nas rodas para que a oposición, neste caso o Grupo Popular, non poda facer ben o seu traballo, que non é outro que fiscalizar a acción do Goberno”.
José Antonio Constenla subliñou que o comportamento do Goberno Bugallo ten máis de “interese socialista que de interese social”, posto que toda a veciñanza ten que ser tratada da mesma maneira pola Administración local, “sen que o importante sexa o carné que tes e non trasladar á veciñanza que non todos somos iguais ante o Grupo de Goberno”, proba disto é que cando un veciño solicita unha axuda para calquera cousa, se lle pode denegar por non estar ao día cos recibos do Concello, mentres que unha empresa “afín” ao Goberno socialista, pode facer un contrato sen problema algún.
“Para todos queda claro que o alcalde mentiu desde o primeiro minuto, xa que explicou que todo era un erro dun concelleiro en particular e agora estamos a comprobar que son numerosas as deficiencias que nos estamos atopando“, incidiu.
Así mesmo, José Antonio Constenla recomendoulle ao alcalde socialista que deixe de atacar a liberdade de expresión do Partido Popular e do seu presidente, Borja Verea, cando se acaba de demostrar que dixo a verdade nas súas declaración, que buscaban defender os intereses dos composteláns. Polo que agregou “ estou seguro que os cidadáns tomaron nota, por un lado está Borja Verea, que defende os intereses dos veciños fronte aos ataques do Goberno socialista: e, por outro un mentiroso que leva xa máis de tres horas sen contar a verdade e sen pedir desculpas aos cidadáns”.
O voceiro Popular remarcou que cada día aparecen máis indicios que demostran que estamos ante unha trama organizada que desvía diñeiro e que non favorece á cidadanía”.