Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, reuniuse cos veciños da Almáciga, cos que se comprometeu, no caso de que os composteláns lle dean a súa confianza nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, a mellorar o barrio a través duns eixes principais como son: unha accesibilidade moderna, a seguridade, a ordenación do tráfico, un transporte público adecuado e a regulación das prazas de aparcamento.
Esta xuntanza inclúese dentro dos Encontros cara a cara cos veciños, que leva mantendo o candidato dos populares composteláns desde hai máis de dous anos polos diferentes barrios e parroquias, aos que hai que sumar as reunións con asociacións veciñais, sociais, culturais e deportivas.
Verea Fraiz asegurou que unha das cuestións que primeiro abordará é o da accesibilidade, coa instalación dun ascensor e ramplas mecánicas por Pastoriza ou Enfesta, co fin de salvar as importantes diferencias de altura que existen nesa zona, seguindo o exemplo de moitas cidades europeas que xa desfrutan dun modelo de arquitectura vertical.
Borja Verea tamén incidiu en que porá en marcha mecanismos para solucionar os problemas de convivencia que soportan os veciños desta zona, acadando un remedio que beneficie aos seus habitantes, posto que “non se pode dar por imposible atopar un arranxo para uns incidentes que os residentes están fartos de denunciar e non obter resposta”.
Por outra banda, o candidato Popular destacou que, ademais de mellorar a accesibilidade da zona, tamén procederá ao arranxo das beirarrúas e a eliminar os desniveis que existen nalgunha delas, sobre todo, tendo en conta que neste barrio vive moita xente maior e tamén familias con crianzas, ás que esta situación lles supón un grave problema, xa que non poden desprazarse con seguridade cando levan aos nenos nos seus carretos e, ademais, as persoas con mobilidade reducida tamén sofren de maneira especial estas barreiras, cando problemas coma estes, como xa dixo na reunión que mantivo semanas atrás coa Asociación Francisco Asorey, “cun pouco de interese e sensibilidade”, non son difíciles de arranxar.
Bolsas de aparcamento
Así mesmo, traballará para remediar as dificultades que ten a veciñanza para aparcar os seus vehículos, polo que asegurou que buscará bolsas de aparcamento co fin de sumalas ás prazas xa existentes, ademais de regular que as prazas de zona verde non sexan ocupadas por coches alleos aos veciños que alí residen.
O candidato Popular tamén asegurou que, de ser alcalde, os veciños contarán cun servizo de transporte público en condicións, porque non é entendible que non o teñan xa, posto que os problemas que di o Concello que hai para o paso dun autobús urbano non parecen existir cando pasa o bus do colexio, o que demostra que o servicio de transporte non debería ter problemas para pasar polo barrio da Almáciga.
Comprometeuse tamén a levar a cabo un Plan director de iluminación da cidade, xa que nas súas numerosas visitas sempre recolle queixas neste senso, todos os veciños denuncian que as súas rúas están mal iluminadas, co perigo que isto supón, ademais dunha falta de seguridade.
O candidato Popular recibiu peticións como a mellora dos camiños das zonas verdes, que se atopan intransitables; a falta de renovación do mobiliario urbano; problemas con ratas ou coas árbores que invaden beirarrúas e mesmo as fiestras dos edificios, entre outras.