O concelleiro do Partido Popular, Evaristo Ben Otero, acaba de rexistrar unha pregunta dirixida ao Goberno socialista para que explique o detalle das actuacións que se executaron no rural compostelán ao abeiro do Plan único de Obras e Servizos (POS+) da Deputación da Coruña desde 2017, ano no que se instaurou esta planificación para aglutinar varias liñas de cooperación do organismo provincial cos concellos.

Segundo a información obtida das sucesivas convocatorias anuais, ao Concello de Santiago correspondéronlle unha gran cantidade de fondos públicos do POS+, tanto nos plans iniciais como nas numerosas adicións realizadas. Así, no ano 2017 a cantidade total asignada foi de 2.063.211,94 euros; en 2018, 2.104.943,65 euros; en 2019, 2.189.187,92 euros; en 2020, 1.521.663,95 euros; en 2021, 2.562.188,43 euros; e en 2022, 1.702.570,52 euros. En conxunto, a suma total asignada entre os anos 2017-2022 foi de 12.143.766 euros.

En relación co obxecto da pregunta, Evaristo Ben sinala que “temos constancia de que aínda existen obras sen executar que foron incluídas hai anos nesta planificación e temos serias dúbidas de que o compromiso de destinar a totalidade deses fondos ao medio rural se estea a cumprir”. 

O concelleiro Popular reclama unha maior dilixencia na execución deses proxectos, porque “cómpre aproveitar todos os recursos públicos dispoñibles en beneficio do rural, para que non acontezan casos como a perda de axudas para camiños rurais que concedeu a Xunta de Galicia nos dous últimos anos ante a incapacidade do Goberno socialista para tramitar en tempo e forma os correspondentes proxectos”.