Borja Verea, candidato á alcaldía de Santiago do Partido Popular, anunciou que “para construír un Santiago máis amable, máis familiar e máis humano porei en marcha todas as iniciativas necesarias para levar a Compostela ao século XXI”. Como xa anunciou en diferentes ocasións, entre as liñas estratéxicas do seu futuro goberno está “a posta en marcha de políticas modernas que permitan aumentar a oferta de vivendas a prezo asequible, para que ningún compostelán teña que volver marchar a vivir fóra de Santiago”.

O parlamentario popular apuntou que “unha das medidas máis importantes será permitir o uso residencial nos locais comerciais no barrio de Conxo”. Esta iniciativa “pioneira e innovadora” suporá “un antes e un despois non só no barrio de Conxo, senón en toda Compostela”. Verea Fraiz apuntou que “os obxectivos desta medida son fomentar o acceso á vivenda, evitar a degradación urbana, potenciar a rehabilitación da cidade e a sostibilidade ambiental,  así como poñer sobre a mesa medidas contundentes para evitar o éxodo de poboación a concellos limítrofes”.

“Esta nova regulación urbanística aplicarase unicamente na área afectada pola ordenanza número 7, que abrangue o barrio de Conxo e Choupana”, destacou o candidato popular, xa que “do análise urbanístico da zona detéctanse arredor de 200 baixos baleiros, abandonados e en estado de deterioro; concentrándose en poucas rúas unha imaxe de insalubridade urbana, feismo e inseguridade”. Esta medida transformadora “poreina en marcha nos primeiros 90 días de goberno” a través da “modificación do PXOM que prohibe o uso residencial en baixo comercial eliminando esta traba e ampliando os usos permitidos nos baixos”.

Verea proclamou que se consigue esa gran maioría para gobernar “substituiremos as politicas de prohibición por políticas de liberdade, con medidas innovadores que poñan a Compostela en marcha e coas que recuperemos a autoestima”.  Así “fronte á politica cansada, triste e sen ganas propoñemos máis futuro, máis enerxía e máis alegría”, incidiu.

“Iniciamos esta transformación no barrio de Conxo pola gran acumulación de baixos abandonados e a obxectiva degradación xeralizada”, salientou o presidente dos populares, para “posteriormente, coa experiencia da súa aplicación práctica, extendela a outros barrios que se atopen en situación similar” apuntou Verea, que a definiu como “unha proposta valente, solvente e transformadora”.

Esta iniciativa innovadora e pioneira súmase a todas as propostas que nos últimos meses está anunciando o candidato popular para construír xuntos un “novo compostelanismo”, medidas como a peonalización integral do Campus Sur, a construción da Cidade do Deporte en San Lázaro, volver a permitir os investimentos no Casco Histórico ou a creación da oficina SantiagoInviste para a axilización das licenzas”.