O voceiro Popular, José Antonio Constenla, asegurou hoxe que o Goberno socialista debe respostar xa ás numerosas preguntas que aínda están sen resolver no caso Desproi, seguimos sen saber: por que a concelleira Mila Castro propuxo unicamente a nave do seu compañeiro Xosé Manuel Pichel?; indicoullo alguén?; quen foi?, entre outras. Para os Populares, esta concelleira é a responsable do contrato e a que asinou persoalmente a proposta a dedo e sen concurso público, leva un mes sen responder e agora quere agacharse detrás do alcalde para manter o seu silencio culpable”.
“Cando teñamos toda a documentación remitirémola á Fiscalía e agradezo que o resto de forzas políticas se sumasen á proposta do Partido Popular e ao Goberno, quen despois de criticar duramente e incluso ameazar ao candidato Popular, Borja Verea, agora súmase á proposta de remitir toda a documentación aos xulgados, esperemos que non quede en nada”, subliñou.
O voceiro Popular incidiu tamén en que “acabamos de saber pola información mercantil que a empresa, da que eran propietarios o sindicato UXT e o exconcelleiro Xosé Manuel Pichel, ten unhas inversións inmobiliarias que ascenden a tres millóns de euros, polo tanto as preguntas seguen aí, era propietario o exconcelleiro de todo este patrimonio?; por que tiña unha empresa compartida con UXT con este altísimo valor patrimonial?; estamos presuntamente ante a figura dun testaferro?
“Ademais, sabemos tamén, por documentación interna á que tivemos acceso, que a venda da súa participación nesta empresa fíxose sen mediar pago, xa que foi en compensación de débeda, o que aumenta aínda máis os indicios de estarmos ante a figura dun presunto testaferro”, incidiu.
Como se pode ver “son moitas as preguntas que seguen sen resposta e temos a completa confianza que unha vez remitida toda a documentación á Fiscalía Anticorrupción a investigación será completa, xa que non estamos só ante unha presunta adxudicación ilegal dun alugueiro, senón que todos os indicios nos levan a pensar que presuntamente podemos estar ante unha trama organizada onde todos querían beneficiar a esta empresa, que vai máis alá deste contrato concreto, e que merece unha investigación policial e xudicial ampla”.