Desde que o Goberno socialista se fixo coa alcaldía de todos é coñecido que a limpeza é un problema en Santiago, este servizo básico ten fallos en distintos eidos, non só na recollida do lixo. Así, no vindeiro Pleno ordinario a nosa concelleira, María Antón, reclamaralle ao Goberno socialista que dea as instrucións precisas para que se revisen e, onde proceda, se melloren as condicións das placas que conteñen os nomes das rúas e outras informacións no espazo público (paseos, prazas, estatuas, fontes públicas…), levando a cabo a limpeza e o remarcado, cando proceda, dos soportes informativos para a súa mellor visibilidade.

Antón Vilasánchez incide quen que o nome das rúas, máis alá do seu valor simbólico para perpetuar antigos topónimos ou lembrar persoas ou feitos destacados, ten unha razón de ser fundamental na delimitación de espazos para a localización de domicilios, edificios residenciais ou de calquera outra natureza, polo que “nunha cidade de marcado carácter turístico como é a nosa resulta fundamental manter estes elementos en bo estado, co fin de localizar monumentos e sitios de interese para as persoas que nos visitan”, indicou.

A Popular denuncia que, pesar de que no núcleo histórico de Santiago de Compostela, pola súa condición de cidade monumental e amparada na súa específica normativa urbanística, a maioría deses nomes están labrados en soportes pétreos e remarcados cunha pintura que se acostuma a renovar periodicamente, no resto da cidade ese labor de mantemento non se realiza coa periodicidade debida, dificultando a función informativa destes elementos.

Así, son varios os soportes usados para este fin e, co paso do tempo e o efecto das condicións atmosféricas, foron luxando ou desgastando as pinturas, co que apenas se distinguen os nomes ou lendas, situación esta que “dificulta a súa percepción, algo que se pode comprobar en moitas rúas e lugares, mesmo en zonas céntricas como a Alameda ou nos arredores do centro histórico, como se pode comprobar nas imaxes que se acompañan”, remarcou.