O voceiro Popular, José Antonio Constenla, reclamaralle ao Goberno socialista que modifique a implantación da illa viaria na Praza do Carballal, na parroquia de Villestro, contemplando a posibilidade de situala no centro do calzada, co fin de que sirva para separar a circulación en ambos sentidos; para mellorar a seguridade e facilitar a circulación nese punto.
Hai pouco tempo, nesta praza, situada a metade de camiño no trazado da vía que conecta o Pedroso coa AC-543, a través das rúas da Eira Nova e de Piñeiro de Villestro, implantouse unha pequena illa viaria de forma oval nunha das marxes, na que se instalou un espello protexido con catro balizas, coa intención de facilitar unha incorporación máis segura dos vehículos procedentes do vial que conecta coa Barcia.
“Aínda que a actuación de seguridade está xustificada, dada a escasa visibilidade, o que non parece axeitada é a forma de resolvela, explicou Constenla Ramos, posto que no pouco tempo que leva, segundo nos informa a veciñanza da zona, xa se teñen producido varios incidentes, afortunadamente unicamente con danos materiais”.
Para o voceiro Popular, as situacións de perigo seguen sucedéndose neste lugar, porque os vehículos -especialmente os que transitan costa abaixo, en dirección á AC-543, continúan circulando moi próximos ao entronque coa vía que procede da Barcia, algo que podería evitarse ampliando un pouco máis a pequena illa e trasladándoa cara ao centro da calzada, facendo que serva para separar os dous sentidos da marcha, co que os vehículos en baixada se afastarían da intersección e resultaría máis doado e seguro o tránsito nesa zona.