Borja Verea, candidato á alcaldía do Partido Popular, visitou a parroquia santiaguesa de Villestro para saber das necesidades desta zona. A xuntanza inclúese dentro dos distintos encontros que está a manter o candidato Popular, desde hai máis de dous anos, coa veciñanza de Santiago. Durante a reunión, Verea Fraiz anunciou que creará unha Oficina de Tramitación para o Rural, que buscará sacar adiante a “eterna burocracia” coa que se atopan todos os días os veciños das parroquias e que impide a modernización do rural
O candidato Popular aseguroulle aos máis de cen veciños que se congregaron no Centro Sociocultural que traballará para sacar da “marxinación” á que ten sometido o Goberno socialista a esta zona da capital de Galicia, quen non atende a ningunha das demandas que lles fan chegar, posto que as únicas inversións, sen ser moitas, que teñen chegaron da man da Deputación da Coruña.
Na conversa, Borja Verea aseguroulles que, no caso de que o 28 de maio a veciñanza o escolla como alcalde de Santiago, comezará a facer o necesario para que a parroquia de Villestro e a súa contorna se converta nunha zona de crecemento, posto que ata o de agora “as políticas socialistas teñen impedido a súa evolución”.
Para elo, o Popular comprometeuse a facer unha innovación na tramitación da burocracia, que no Concello de Santiago é un freo para que esta parroquia, como as restantes, teña os mesmos servicios que o resto da cidade; e tamén fará o posible para que se leve a cabo a concentración de montes, algo que os veciños de Villestro levan pedindo dende hai anos.
Así mesmo, Verea Fraiz traballará para facilitar que empresas interesadas en mellorar a vida destes veciños se instalen na zona, polo que mediará para a instalación dun supermercado que tiña proxectada a súa construción na zona e o goberno socialista botou atrás. “Hai que apostar por atraer servizos necesarios para que a veciñanza non se teña que trasladar a outros concellos para facer ata as súas compras máis básicas”, salientou Verea.
O Popular quixo asegurar que, no caso de ser alcalde, buscará solucións para os numerosos problemas que está a soportar a urbanización situada na contorna do colexio, posto que, tal como denuncian os seus veciños, sofren deficiencias como: a falta de iluminación; as fallos na recollida de lixo e de control de tráfico de vehículos, entre outros.
Así mesmo, Borja Verea replantexará e mellorará a ubicación dos colectores de lixo e o seu cambio polos novos, porque na parroquia de Villestro aínda non teñen sido remprazados. Ademais de atopar solucións para os problemas de seguridade na zona, onde ultimamente se incrementaron os roubos; a falta limpeza das beiravías e gabias, que agora supoñen un perigo tanto para vehículos e peóns; e carencias na sinalización viaria.
O candidato á Alcaldía polo PP remarcou que é o momento de cambiar a forma de xestionar Santiago, non se pode ir polas distintas parroquias e barrios vendo como a veciñanza está farta de pedir cousas necesarias e non obter resposta, xa que á hora de pagar impostos o Goberno socialista non fai distincións. Nese senso, “unha das primeiras medidas que tomaremos se chegamos ao goberno será a de aumentar os medios coa adquisición de máis tractores e a creación dunha Brigada do Rural para mantemento e limpeza”, anunciou Verea.
E é que “estamos a falar dunha demanda recorrente nas diferentes parroquias do rural”, destacou o tamén deputado autonómico, “alá onde imos a maleza invade as cunetas, os camiños de terra municipais, e supón un grave risco na prevención de incendios”, de aí que para Verea sexa urxente revertir esta situación.