Borja Verea, candidato á alcaldía do Partido Popular, presentou as súas iniciativas no eido económico no transcurso dunha nova xuntanza que se celebrou este xoves, no Centro Internacional de Prensa, dentro do ciclo de conversas #SoñarSantiago baixo o lema “A innovación, o futuro para Santiago”, onde estivo acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde. Nesta xuntanza estiveron presentes empresas como Televés, Viaqua, Espina e Delfín, Plexus, ou Papelera de Brandia, entre outras.

Verea Fraiz fixo fincapé na necesidade de crear un ámbito favorable que acelere e consolide a implatación de novos emprendedores en Santiago, “para iso crearei a Oficina SantiagoInviste, que permitirá captar investimentos de fora e facilitará aos inversores interesados en crear emprego e negocio en Santiago o seu aterrizaxe na cidade.

Ademais incidiu en que é imprescindible a eliminación de licenzas e trámites innecesarios, “o concello debe estar ao servizo dos veciños e dos autónomos e pequenas empresas, e non ao revés, entorpecendo as xestións diarias”, e lamentou que a veciñanza soporte “un problema endémico que causa un gran malestar, como son os retrasos inxustificables na concesión de licenzas e permisos no concello de Santiago, o colapso administrativo que dana tamén o tecido económico e retrasa e imposibilita moitos investimentos”, explicou. 

Borja Verea indicou que tamén traballará para implantar a figura do Proxecto Empresarial de Interese Municipal (PEIM-SCQ), que estaría orientado a distinguir aquelas iniciativas que, pola súa natureza e obxectivos, supoñan un especial impulso do investimento produtivo e que terán un trámite prioritario no Concello, co fin de que se autoricen en poucos días.

“As administracións locais deberían favorecer a vida da cidade e agora mesmo isto non ocorre en Santiago, onde todo son trabas para novos inversores aos que terminan botando a concellos limítrofes”, apuntou. 

Outro dos piares fundamentais, se en maio consigue a maioría suficiente, será  Fondo Santiago Inviste, que suporá unha axuda financeira inmediata aos proxectos que xeren emprego e valor engadido á cidade. Isto poderá executarse a través de préstamos participativos ou apoio capital. 

Outro dos propósitos de Borja Verea será aproveitar todo o que a Universidade pode aportar, tanto no eido da investigación como elemento atractivo para a ubicación de empresas, como impulsor da chegada de estudantes a Santiago, “Compostela ten que deixar de vivir dándolle as costas a esta institución, que sempre foi un eixe importante para economía da cidade”, remarcou.

Un modelo económico centrado no “sentidiño”

Por outra banda, Francisco Conde destacou o gran coñecemento do candidato Borja Verea no eido da innovación, moito grazas a súa ampla experiencia como secretario xeral técnico na área económica do Goberno galego.

Así destacou que moitos dos resultados que se están a colleitar a nivel económico en industrial en Galicia “son froito do seu traballo cando estaba na Consellería”.

Conde subliñou que Verea Fraiz baseará o seu mandato “nun modelo económico centrado no “sentidiño”, é dicir, na estabilidade, na confianza e na colaboración, tanto co tecido produtivo, como co resto de administracións”, con isto remarcou que o candidato Popular apostará pola economía do coñecemento e polo I+D+i, xa que “Santiago ten que destacar polo valor engadido de contar con este ecosistema, para convertela nun referente en España e a nivel europeo no sector biotecnolóxico”, indicou. Neste senso o vicepresidente salientou tamén a capacidade instalada na contorna en sectores estratéxicos como o forestal, a automoción ou  as TIC, polo que “Santiago aínda ten moito que aportar, e Borja Verea viuno claro xa cando estaba na Consellería, e estou convencido que seguirá a mesma liña cando sexa alcalde de Santiago”.