Que Santiago sofre unha imporante carencia de medios policiais é algo que se pode comprobar todos os días, sobre todo, para afrontar con garantías os niveis de seguridade que demanda a cidade, como capital de Galicia e como centro espiritual e turístico de primeira orde a nivel mundial. Por iso, o Partido Popular, a través do seu vicevoceiro, Ramón Quiroga, reclamaralle ao Goberno socialista que impulse os mecanismos necesarios para prover á maior brevidade as prazas vacantes existentes no Corpo da Policía Local e que demande do Ministerio competente en materia de política territorial e función pública a posibilidade de acadar o número de axentes necesarios, polo menos os 173 que normativamente lle corresponderían.

O Popular considera que é imprescindible remediar xa esta situación que Compostela leva anos padecendo, co que lle esixe ao Goberno socialista que inste ao Ministerio do Interior do Goberno de España a que valore a actualización do catálogo de prazas correspondente á Comisaría de Santiago, fixado en 2007, co fin de elevar a ratio de efectivos e que, mentres tanto, nas próximas convocatorias de novas prazas e de concurso de méritos continúe coa cobertura dun número suficiente de prazas vacantes de axentes da Policía Nacional.

Así mesmo, no vindeiro Pleno ordinario, insistirá en que se lle reclame ao Ministerio do Interior para que, con urxencia, incremente os efectivos da Policía Autonómica para dotar de todos os efectivos á Unidade do Corpo Nacional de Policía Adscrita a Galicia, que superarían as máis de 100 vacantes para permitir que continúe desempeñando con garantías as súas tarefas actuais.

Antecedentes

Ramón Quiroga explica que este mes fará tres anos que o Pleno, cos votos favorables dos grupos Popular e Socialista, aprobaba unha iniciativa para o incremento de efectivos do Corpo da Policía Local na cidade. Daquela instábase ao correspondente órgano do Concello a que, en primeiro lugar, “proceda a cumprir coa Lei e coa ratio recomendada para a Policía Local de 1,8 axentes/1.000 habitantes” para atender á veciñanza; e, en segundo lugar para que ese mesmo órgano do Concello “requira ao Goberno do Estado para que, con carácter excepcional e dada a singular natureza da cidade, cre unha taxa específica adicional por ampliación de servizos, en termos similares á taxa adicional prevista no artigo 19 da  actual Lei de Orzamentos do Estado para 2018, de xeito que se poidan cubrir todas as prazas ata chegar á ratio recomendada ou, no seu caso, aumentala para atender a unha cidade con necesidades extraordinarias de aseguranza das funcións de policía”.

“Un ano antes, ao final do anterior mandato en febreiro de 2019, o Pleno tamén se pronunciaba de forma maioritaria, coa única abstención do BNG, a favor dunha iniciativa do Partido Popular, sobre a reposición de efectivos policiais en Galicia e, de forma especial en Santiago, para garantir as necesidades derivadas do Xacobeo” subliñou. 

Ao longo do tempo transcorrido desde estes acordos, e a pesar do incremento de funcións e actividades xeradas polo “dobre” Ano Santo, o número de policías presentes en Santiago só tivo un aumento -aínda que insuficiente- no corpo estatal: 

A Policía Local contaba en outubro de 2019 con 127 axentes e ata xaneiro de 2023 a cifra era de 130, moi por debaixo da ratio de 173 axentes que lle corresponden pola súa poboación. No relativo á Policía Nacional, con destino na Comisaría de Santiago, en outubro de 2019 había 216 axentes e en xaneiro de 2023, segundo datos do SUP, había 254. Pero como destaca o vicevoceiro Popular, “a pesar dese aumento, a cifra aínda supón un 8,6 menos dos 278 axentes contemplados na ratio fixada en 2007”. 

Tamén a Policía autonómica mantén un número menor de efectivos do recomendable, estimado nun cando menos 25% dos 500 contemplados no catálogo da unidade do Corpo Nacional unidade adscrita a Galicia.

Así, Ramón Quiroga denuncia que, mentres o número de efectivos policiais segue estando á baixa, as estatísticas dos delitos continúan á alza. Os datos oficiais dos tres primeiros trimestres do 2022 -feitos públicas recentemente- constatan que en nove meses o número de delitos (3.502) aproxímase xa á media anual rexistrada desde 2014 (3.539), o que presaxia un notable incremento no balance final de 2022, a pesar da presencia extraordinaria da Unidade de Intervención Policial (UIP) durante o Ano Xacobeo.

Xunto ao número de delitos acumulados nos últimos anos, a propia natureza dos rexistrados nas últimas semanas por violentas agresións nas rúas da cidade están a contribuír a un crecente clima alarma e de inseguridade entre boa parte da poboación, que demanda unha maior presenza policial que ofreza confianza entre a cidadanía e poida disuadir a potenciais delincuentes, unha medida que, obviamente, non se poderá adoptar coas debidas garantías se non se dispón dun número suficientes de efectivos policiais.