Un dos primeiros obxectivos de Borja Verea cando chegue á alcaldía, no caso de que os composteláns lle dean a súa confianza o vindeiro 28 de maio, será flexibilizar “a estrita burocracia e, ás veces, incomprensible normativa que rexe o Casco Histórico, que está a expulsar aos seus habitantes desde hai anos”. Verea anunciou esta proposta no transcurso dunha reunión cos veciños da zona histórica, onde explicou as súas propostas para este enclave compostelán e onde puido escoitar tamén as numerosas eivas que sofre a zona máis emblemática da capital de Galicia.
Esta reunión inclúese dentro dos Encontros directos que Borja Verea está mantendo cos cidadáns polos diferentes barrios e parroquias da cidade, ao que hai que sumar as xuntanzas coas entidades veciñais, sociais, culturais e deportivas que o candidato popular iniciou hai xa máis de dous anos.
Así, Borja Verea destacou que unha das prioridades de seu futuro goberno será “facilitar o acceso á vivenda no Casco Histórico con medidas valentes e pioneiras que suporán poñer o patrimonio á disposición das familias e non ao revés”, engadindo que “se queremos que volva a vida e os veciños á zona histórica hai que ser sinceros e valentes”. Así concretou que “permitiremos que os inmobles máis grandes do Casco Histórico poidan segregarse en apartamento máis pequenos, acordes coas necesidades actuais, se non adaptamos as casas á maneira de vivir de 2023 vainos quedar un deserto ”.
O candidato do Partido Popular lamentou que o Casco Histórico “se está caendo a cachos desde hai anos, pola falta de políticas que permitan que recupere o seu esplendor e vitalidade”. E, para saír desta situación, propuxo tamén “eliminar a moratoria que prohibe o desenvolvemento de industrias hoteleiras e turísticas” porque “é evidente que os que alertaron e asustaron con que estas instalacións acabarían coa zona vella compostelá equivocáronse, xa que o que conseguiron con ese veto foi un nulo progreso económico desta zona, ademais de espantar aos veciños”.
Borja Verea salientou que “ten que ser cómodo e amable vivir nesta zona, porque o patrimonio ten que estar pensado para a xente” e é necesario “rebaixar as prohibicións e apostar por darlle máis liberdade e confianza aos propietarios”
Para o candidato á Alcaldía de Santiago un dos principais temas que urxe solucionar é o da iluminación, “non podemos deixar á nosa xoia da coroa na penumbra”, polo que propón “unha revolución lumínica” que permita recuperar o esplendor do Casco Histórico e que os edificios emblemáticos “volvan brilar”.
O parlamentario tamén se comprometeu a solucionar o tema do aparcamento, un dos maiores problemas para evolución desta área compostelá, porque sen unha boa zona de estacionamento e sen un transporte público en condicións a vida é moito máis difícil, sobre todo para familias con crianzas ou para as persoas maiores. Así “non renunciará a que Compostela teña un aparcadoiro debaixo da Praza de Abastos” que daría servizo a todos os veciños e suporía un impulso para os postos de Mercado.