Borja Verea, candidato á alcaldía do Partido Popular, mantivo unha xuntanza cos membros da Asociación de veciños do barrio compostelá de Cancelas, onde puido expoñerlles as súas propostas iniciais para esta zona da capital de Galicia, ademais de coñecer as demandas que teñen. Verea Fraiz comprometeuse a modernizar o barrio e darlle os servizos que a zona merece e que a veciñanza leva anos solicitando. 

Esta reunión inclúese dentro dos distintos encontros en barrios e parroquias que leva mantendo o candidato Popular desde hai meses, que se suman así ás visitas a entidades sociais, culturais e deportivas que realiza desde hai máis de dous anos.

O popular asegurou que, se os composteláns lle dan a súa confianza nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, traballará para buscar unha solución aos graves problemas viarios desta zona, sobre todo, na rúa Mallou de Abaixo, onde existe unha especie de “tobogán” que a fai practicamente intransitable e que ten unha nula visibilidade, ademais de non contar con beiravías.

Así mesmo, Borja Verea comprometeuse a solucionar os problemas de tráfico que arrastra este barrio. “É inaceptable que non se dea unha alterativa de tránsito a esta zona que padece unha gran carga de vehículos motivada por instalacións como o centro comercial, que se ubicou aquí hai anos, ou polos numerosos vehículos que empregan algunhas das súas rúas para escapar de zonas saturadas de tráfico ou que buscan sitio para aparcar”, lamentou o tamén deputado autonómico.

Verea tamén manifestou que facilitará solucións de aparcamento para que os vehículos poidan estacionar de forma ordenada, nunha ubicación correcta, e así evitar situacións como as que padecen hoxe en día, con coches aparcados nas beirarrúas, e que impiden o paso de peóns, tanto de persoas maiores, crianzas ou persoas con problemas de mobilidade. Tamén será unha prioridade, para o candidato Popular, mellorar o acceso ao Cuartel da Garda Civil. Ademais de eliminar as zonas de distintas alturas que hai nalgunhas beirarrúas da zona, dar o ancho ás rúas como a Pilar Miró e arranxar as fochancas existentes.

Outra das demandas veciñais que Verea Fraiz porá nos seus obxectivos é atopar ou construír un novo local social que lle dea servizo ás case 240 familias que agora forman a Asociación e que non teñen un lugar adecuado para organizar as actividades que lles demandan; ademais de instalar unha pista de “skate”, e habilitar espazos para actividades deportivas para todas as idades tantas veces solicitadas.