Borja Verea, candidato á alcaldía do Partido Popular en Santiago, mantivo unha reunión hoxe coa Plataforma Conservatorio Danza Compostela, cos que se comprometeu en que, no caso de acadar a confianza dos veciños de Santiago o vindeiro 28 de maio, apoiará a creación dun Conservatorio de Danza para Santiago, xa que a capital de Galicia dispón de todas as condicións necesarias para albergar unha institución desta envergadura.

Neste momento en Galicia tan só existe un conservatorio de titularidade autonómica destas características na cidade de Lugo, e outro da Deputación da Coruña, que parece que, a todas luces, resultan insuficientes, polo que se están perdendo grandes oportunidades de captación de talento en Galicia. Cabe resaltar que en Santiago hai un grande interese por esta disciplina, proba diso son as 12 escolas de danza que existen na cidade, e que, ademais, grazas á situación estratéxica de Compostela, ter un conservatorio profesional suporía a atracción de alumnos de toda a comunidade autónoma. 

Durante esta reunión, que se inclúe dentro dos distintos encontros que está a manter o candidato Popular cos diferentes colectivos de Santiago, o candidato Popular e parlamentario, comprometeuse a buscar o apoio da Cámara galega para acadar este obxectivo, xa que esta institución suporía unha oportunidade para Compostela de que nenos e adultos podan ter acceso ao mundo da danza dun xeito máis profesional.

Para Verea, este centro de estudos podería “posicionarnos no mercado internacional, Santiago merece recuperar esa posición de liderado, de protagonismo cultural e de vangarda e este conservatorio sería un gran máis para conseguilo”.

As representantes da Plataforma Conservatorio Danza Compostela celebraron o apoio do Partido Popular as súas reclamacións e calificaron de moi positiva a reacción de Borja Verea durante este encontro, agradecéndolle a súa sensibilidade por ter tratado este asunto e pola súa intención de intentar facer realidade unha proposta moi querida por todos os amantes desta disciplina que na capital de Galicia cada vez son máis.