Borja Verea, canditato á Alcaldía polo PP de Santiago, celebrou onte un comité executivo para encarar a recta final das eleccións municipais.
A día de hoxe, afirmou Verea, “somos claramente a primeira forza da cidade, e quedan 80 días para conseguir esa gran maioría que nos permita gobernar Santiago e levala ao século XXI”, polo que “debemos seguir traballando como ata o de agora, estando na rúa e escoitando aos veciños para presentar un programa de goberno sólido e solvente”.
Así, continuou, “estou convencido de que o imos conseguir porque chegou o momento do cambio, a xente está decepcionada coas mesmas políticas de hai 30 anos, Santiago merece máis, propoñemos un Santiago de futuro e vangarda”. E insistiu en que “fronte ao Santiago cansado do Partido Socialista, propoñemos un Santiago con ganas de cambio; ao Santiago triste e antigo de Sánchez Bugallo, propoñemos un Santiago alegre e moderno”.
Con respecto a súa lista, o candidato á Alcaldía, deixou claro que esgotará os prazos para dala a coñecer pero avanzou as premisas para formar parte da mesma: “Ao igual que tras as primarias do pasado maio levouse a cabo unha renovación total do Partido, na lista haberá tamén unha forte renovación”. “Unha lista formada por xente con competencias profesionais, posto que o 1 de xuño haberá que poñerse á fronte das concellerías e xestionar. “Gobernar é xestionar”, apuntou Verea e “as persoas que me acompañen terán que saber facelo, aquí hai que vir aprendido”. E a última condición, pero a máis imporante, é que “compartan a súa paixón por Compostela”, aos que lles pedirá un compromiso total.
Para finalizar a reunión Borja Verea afirmou que o Partido Popular está preparado para gobernar e “estou convencido de que así será se seguimos traballando como ata o de agora”.