Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo Partido Popular, mantivo unha reunión cos veciños de Bando no que escoitou os problemas da parroquia e tomou boa nota das melloras que precisan.
Esta xuntanza está encadrada dentro dos Encontros directos cos cidadáns que leva meses facendo por barrios e parroquias, ás que hai que engadir tamén as visitas con entidades deportivas, culturais, sociais entre outras e que teñen como obxectivo “construír un programa de goberno sólido e solvente”.
Para Borja Verea “que os veciños se enterasen deste Plan Especial a través dunha carta municipal é o mellor exemplo do pasotismo e a soberbia do goberno socialista” xa que “é un despropósito presentar esta modificación sen escoitar antes aos afectados” sobre todo “cando esta modificación supón un perxuízo tan grande para todos os propietarios de vivendas, negocios e fincas”. Neste senso deixou claro que, de conseguir a maioría necesaria para gobernar Santiago, “paralizaremos e anularemos a posta en marcha deste Plan Especial e faremos as cousas ben, empezaremos de novo escoitando á xente”
O candidato á Alcaldía Borja Verea salientou que debemos coidar e preservar o noso patrimonio, pero o primeiro son as persoas, “o goberno socialista aposta polas prohibicións, como fai no Casco Histórico, que levou á nosa zona histórica a unha situación de colapso, sen veciños e sen investimentos”, e insistiu, “agora pretenden facer o mesmo no rural, é inadmisible este tipo de accións que o único que conseguen é botar aos composteláns do seu concello”.
O transporte urbano tamén foi un dos temas analizados na reunión, un asunto que para Verea debería estar solucionado hai xa anos, e que a incapaciade de xestión do actual goberno impediu sacar adiante. “É necesaria unha lanzadeira directa entre o aeroporto e a cidade, un aeroporto como o noso, onde o día que menos hai temos 40 voos, non pode ter un enlace coa cidade tercermundista; esto non o merecen os visitantes, pero tampouco os veciños de Lavacolla, Bando ou San Marcos que teñen que ter autobuses propios”.
O candidato popular á Alcaldía, Borja Verea, salientou tamén que seguirán traballando “porque chegou o momento do cambio, a xente está decepcionada coas mesmas políticas de hai 30 anos, Santiago merece máis”. E insistiu en que “fronte ao Santiago da parálise e o atraso do Partido Socialista, propoñemos un Santiago con ganas de crecer; ao Santiago triste e antigo dos actuais dirixentes, propoñemos un Santiago en marcha e con ambición”.