Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo Partido Popular, comprometeuse a derribar a Casa da Xuventude xa neste mesmo ano 2023 se en maio consigue a maioría suficiente para gobernar Compostela.

Verea salientou que “se son Alcalde de Santiago dinamizaremos a Praza do Matadoiro e conectaremos o parque de Belvís co Casco Histórico a través dunha ambiciosa rehabilitación de toda a contorna”.  Para o candidato popular á Alcaldía “o derribo da Casa da Xuventude será unha oportunidade para poñer en valor os restos patrimoniais da praza e para actualizar o concepto de espazos pechados ás necesidades do século XXI”.

Ante as vindeiras eleccións municipais, o parlamentario compostelán pediu tamén que “os veciños que aposten por derribar a Casa da Xuventude o deixen claro nas eleccións á Alcaldía do 28 de maio”, destacando que “non hai mellor momento para que a cidadanía fale claro, imos construír o Santiago do século XXI entre todos”.

“Os votantes que confíen en min poden ter a certeza de que derribarei a Casa da Xuventude e poñeremos en valor a Praza do Matadoiro” apuntou Verea que ten como obxectivo “unha Compostela máis amable, máis humana e máis familiar” e “as necesidades da xente non son as mesmas hoxe que hai trinta ou cincuenta anos”.

Infrografía do Parque de Belvís sen a Casa da Xuventude
Infrografía do Parque de Belvís sen a Casa da Xuventude

Ademais “o tempo tamén quita caretas, e todos os que defenderon este edificio quedaron sen argumentos, xa que anos despois está nun estado insalubre, deteriorado e degradado,  sendo hoxe máis custoso arranxalo que derribalo”, afirmou o líder popular, concluíndo que “son claro, se gaño as eleccións e son Alcalde, a Praza do Matadoiro será un novo espazo comunitario, verde e dinámico, un punto de encontro social e exemplo dunha cidade moderna e alegre”.

Borja Verea rematou lembrando que “as políticas do partido socialista de Bugallo son as do retroceso e o pasado, imos a poñer en marcha un Santiago con ganas de crecer; fronte a uns dirixentes tristes e cansados nós queremos un Santiago con novas enerxías e máis forza”.