O Goberno socialista continúa a incumprir o prazo máximo para os pagamentos a empresas e autónomos que realizan traballos ou entregan bens e servizos para atender as necesidades da administración pública local, superando con frecuencia e amplamente o Período Medio de Pago (PMP) establecido en 30 días pola Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril. 

O incumprimento deste prazo, non só repercute negativamente, sobre todo, ao tecido empresarial e comercial local, que debe agardar por uns recursos moi necesarios especialmente nestes momentos, senón que tamén con carácter xeral pode repercutir negativamente no uso dos remanentes orzamentarios.

Os últimos datos oficiais publicados do PMP polo Ministerio de Facenda corresponden ao mes de decembro de 2022 e neles  constátase que no Concello de Santiago o atraso no pago de facturas supera os 39 días (39,14), cun volume de pagos pendentes superior aos 11 millóns de euros (11.527.640 euros). Ao longo de todo o ano 2022 o prazo medio de demora acadou os 64,5 días, o que supón a peor medía aritmética anual desde o rexistro centralizado, mentres a cantidade media anual pendente de pago superou os 8,7 millóns de euros, o importe máis elevado de todas as grandes cidades en 2022. Desde o inicio do actual mandato en xuño de 2019, o Goberno local unicamente cumpriu o prazo legal de pago en 6 meses, mentres que en 35 -incluídos todos os meses deste ano 2022- superou amplamente ese prazo, acadando o récord en agosto de 2019 con 101,55 días.

Santiago á cabeza das cidades debedoras

Á vista destes datos do mes de decembro. o Concello de Santiago, con máis de 39 días de demora, figura como a segunda cidade máis morosa de Galicia, unicamente superada polo Concello de Ourense que rexistra 46,14 días de retraso no pagamento. O resto das cidades veñen cumprindo en xeral o prazo establecido (en decembro de 2022: A Coruña, 23,56 días; Vigo, 8,46 días; Lugo, 9,05 días e Ferrol, 28,28 días). Unicamente Pontevedra, xunto con Ourense e Santiago, supera o prazo dos 30 días, ao rexistrar 30,66 días de retraso no pago das facturas pendentes en decembro de 2002. Por cantidades debidas ao longo do ano, Santiago figura en primeiro lugar cunha media aritmética nos doce meses de 8,7 millóns de euros, fronte aos 1,4 millóns de Lugo que si sitúa como a grande cidade con menor importe debido,

Desde que en 2014 o Ministerio de Facenda comezara a centralizar o período medio de pagamento das distintas administracións públicas españolas, o mellor índice do Concello de Santiago rexistrouse en marzo de 2015, mes no que as facturas chegaron a pagarse en 9,04 días e durante todo ese período mentres gobernou o Partido Popular no Concello houbo un cumprimento exhaustivo dos prazos en todos os meses do mandato.