Tras catro anos sen facer nada de nada coa Casa da Xuventude, ben por inoperancia, por falta de ideas ou por “medo aos seus socios de Goberno”, hoxe o alcalde socialista presentou a súa “gran proposta” para este edificio, “baixarlle o tellado ao inmoble”, denunciou o voceiro Popular, José Antonio Constenla.

Así, subliña Constenla Ramos, cando xa case teñen pasado os catro anos de mandato, deixando que este inmoble se deteriore case por completo, ao alcalde Bugallo se lle ocorre “a xenial idea”, ben tras oír a proposta do candidato á alcaldía polo Partido Popular, Borja Verea, ou ben “por arte de maxia, pedirlle á Deputación da Coruña que lle bote unha man para ver que pode facer con ese “mamotreto” que non é do agrado de case ninguén en Santiago”.

En case 1.460 días, o Grupo socialista só tivo tempo para retirar un frigorífico situado na entrada do inmoble e deixar o edificio sen uso, todo isto por “non levantar as iras dos seus socios”, remarcou.

Tras a idea peregrina ofrecida hoxe por Sánchez Bugallo, aos santiagueses só lles queda unha alternativa para que a Casa da Xuventude desapareza e isa non é outra que, a partir do 28 de maio, o Borja Verea sexa o alcalde de Santiago, posto como anunciou esta fin de semana, o ano 2023 será no que este edificio sexa demolido, dando paso a un espazo verde e aberto cara o parque de Belvís.

Ista nova “idea” non ven a ser máis que un novo eslabón na cadea de presentacións de “ocorrencias” do alcalde socialista, que nun desesperado intento de “enganar aos santiagueses, leva días anunciando actuacións que xa debería ter feitas”.

Hai que sinalar que, onte Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo Partido Popular, comprometeuse a derribar a Casa da Xuventude xa neste mesmo ano 2023 se en maio consigue a maioría suficiente para gobernar Compostela.

Verea salientou que “se son Alcalde de Santiago dinamizaremos a Praza do Matadoiro e conectaremos o parque de Belvís co Casco Histórico a través dunha ambiciosa rehabilitación de toda a contorna”.  Para o candidato popular á Alcaldía “o derribo da Casa da Xuventude será unha oportunidade para poñer en valor os restos patrimoniais da praza e para actualizar o concepto de espazos pechados ás necesidades do século XXI”.

Ante as vindeiras eleccións municipais, o parlamentario compostelán pediu tamén que “os veciños que aposten por derribar a Casa da Xuventude o deixen claro nas eleccións á Alcaldía do 28 de maio”, destacando que “non hai mellor momento para que a cidadanía fale claro, imos construír o Santiago do século XXI entre todos”.

“Os votantes que confíen en min poden ter a certeza de que derribarei a Casa da Xuventude e poñeremos en valor a Praza do Matadoiro” apuntou Verea que ten como obxectivo “unha Compostela máis amable, máis humana e máis familiar” e “as necesidades da xente non son as mesmas hoxe que hai trinta ou cincuenta anos”.

Ademais “o tempo tamén quita caretas, e todos os que defenderon este edificio quedaron sen argumentos, xa que anos despois está nun estado insalubre, deteriorado e degradado,  sendo hoxe máis custoso arranxalo que derribalo”, afirmou o líder popular, concluíndo que “son claro, se gaño as eleccións e son Alcalde, a Praza do Matadoiro será un novo espazo comunitario, verde e dinámico, un punto de encontro social e exemplo dunha cidade moderna e alegre”.Borja Verea lembrouo que “as políticas do partido socialista de Bugallo son as do retroceso e o pasado, imos a poñer en marcha un Santiago con ganas de crecer; fronte a uns dirixentes tristes e cansados nós queremos un Santiago con novas enerxías e máis forza”.