Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago, reafirmou hoxe que, se os santiagueses lle dan a súa a confianza o vindeiro domingo 28 de maio, comprométese a facer un estudo “serio e solvente” co fin de construír un aparcamento debaixo da praza de Abastos, “algo que merece Santiago e que outras cidades xa desfrutan baixo os seus mercados, pero que aquí a pouca ambición de quen nos goberna nos quere facer ver como imposible”.
Para o candidato popular, “a Praza de Abastos non necesita parches, necesita grandes investimentos que lle faciliten as cousas aos praceiros, pero tamén a todo o comercio do Casco Histórico”.
Neste momento, explica Borja Verea “existen 60 casillas baleiras que tiñan que estar cheas e xerando riqueza todos os días do ano, traballando a tope, o resto son debates de parche e de política menor, nós apostamos por unha Praza de Abastos que volva a ser un auténtico referente para toda Compostela”.
O tamén deputado autonómico remarcou que “as políticas do goberno socialista están a destrozar a Praza de Abastos, todas as casillas baleiras supoñen case dúas naves completas do mercado e todos os praceiros coinciden en que que a situación é insostible”, todo isto é consecuencia “duns mandatos do Partido socialista en Santiago, nos últimos 30 ou 40 anos, que apostaron por centros comerciais, isto é unha realidade, un dato obxectivo, aí temos Cancelas e Costa Vella, que foron baleirando tanto o comercio do centro da cidade como da zona vella”, insistiu.
Neste momento, na cidade, remarcou o candidato popular, “hai 6 millóns de euros gastados en cámaras e paneis que non sabemos para que serven ou en coches-robots que tampouco sabemos ben que é o que fan polo Casco Histórico”.
“Nós poñemos sobre a mesa outro Santiago, outra Compostela que recupere a vida nas rúas, que aposte polo comercio no centro, e a Praza de Abastos é fundamental, o resto son debates de parche ante unha evidencia, a falta de grandes investimentos para salvar a nosa praza”.
Borja Verea apuntou que “o que queremos é que Santiago recupere a vida nas súas rúas, que as familias recuperen a cidade e os comercios volvan ao centro, non nos gustan as ringleiras de coches enchendo os centros comerciais mentres as nosas rúas están desertas”.