Cando quedan apenas dous meses para as eleccións, o Goberno socialista segue mantendo os viais do Concello de Santiago con grandes desperfectos. A inicios do mandato, se comprometían a por en marcha, en día e hora, os contratos para a conservación, mantemento e reparación nos viarios do medio rural e do núcleo urbano, como en moitas outras cousas, o Grupo socialista o que fixo foi prorrogar os contratos ao límite ata agotalos e sen posibilidade de prórroga, polo que o Partido Popular, a través do seu voceiro, José Antonio Constenla, esixiralles no vindeiro Pleno ordinario que o fagan, co fin de atender á situación de deterioro que hai nos firmes e drenaxes. 

Así mesmo, reclamaralle que poñan en marcha un sistema de xestións de firmes que permita avaliar, de forma obxectiva, as diferentes estratexias de conservación, antes de identificar proxectos ou actuacións concretas e priorizalas atendendo a criterios técnicos e económicos.

José Antonio Constenla lembra que o Concello  tiña, desde hai anos, un contrato principal para atender esas tarefas, o último con esa finalidade foi licitado e adxudicado en decembro de 2018,  por un importe inicial de 2 millóns de euros, cun prazo de execución de dous anos e posibilidade de prórroga doutros dous anos, pero, nunha práctica xa habitual do Goberno Bugallo, este contrato, que iniciou a súa prestación en febreiro de 2019, foi prorrogado ata o límite, chegando a súa vixencia ao mes de febreiro de 2023.

Para darlle continuidade, o Goberno socialista acordou a licitación de dous novos contratos: un destinado a viarios e espazos do medio rural, cun orzamento de 1,6 millóns de euros e un prazo de execución de 2 anos; e outro destinado a viarios públicos municipais do núcleo urbano, cun orzamento de 1,3 M de euros e un prazo de execución tamén de dous anos. A maiores, este Goberno adxudicou recentemente un novo contrato de “rehabilitación de firmes de vías urbanas 2022” para atender á mellora de nove rúas da cidade, por importe de 458.811 euros e un prazo de execución de 4 meses.

A realidade é que a pesar da pésima situación na que se atopa boa parte da rede viaria municipal, especialmente no ámbito rural, o contrato para o servizo de conservación e mantemento dos viarios atópase vencido, mentres os novos contratos aínda esperan a súa adxudicación, formalización e posta en vigor para atender ás moitas urxencias que se perciben ao longo de todo o termo municipal.

Constenla Ramos insiste en que, para afrontar coa maior rapidez e eficacia todas aquelas actuacións que afectan á seguridade e comodidade da rede viaria, sería de gran utilidade ter avanzado na creación dun sistema de xestión de firmes, semellante ao que se aplica noutras administracións, para programar e controlar as actividades de conservación da rede local.

Para o Partido Popular, a conservación e mantemento do sistema viario debe constituír unha prioridades para calquera administración con competencias na materia, posto que a dispoñibilidade dunha rede de comunicacións en bo estado contribúe non só a unha mellora da mobilidade, senón que en moitos casos é un factor decisivo para a o equilibrio territorial, a integración social e o acceso en condicións de seguridade, rapidez e confort a servizos esenciais como a sanidade ou a educación.