O candidato á Alcadía de Santiago polo Partido Popular, Borja Verea, lamentou que o goberno continúe coas súas ocorrencias de ultima hora tras non ter feito os deberes durante estes catro anos e comprometeuse a anular a cesión á Deputación da Casa da Xuventude que os socialistas teñen pensado escenificar a poucos días de que se convoquen as eleccións municipais.

Para Verea, “comprometer o futuro da Casa da Xuventude a 60 días das eleccións demostra unha nova falta de respecto do goberno socialista cara aos composteláns”. “Levamos catro anos sufrindo decisións unilaterais dunha corporación que non termina de asumir que goberna en minoría e que utiliza o concello a modo de cortixo”, salientou o candidato popular, quen engadiu que “os composteláns teñen unha oportunidade única o 28 de maio para decidir se apostan polo meu proxecto de derrubar a Casa da Xuventude e humanizar a Praza do Matadoiro abríndoa a Belvís, ou se pola contra prefiren a proposta do resto das forzas políticas de mantela”.

O tamén deputado autonómica calificou de “oportunidade o derrubo deste “mamotreto” para poñer en valor os restos patrimoniais da praza e para actualizar o concepto de espazos pechados ás necesidades do século XXI. “O noso proxecto de cidade pasa por unha Compostela máis amable, máis familiar e máis humana, e as necesidades da xente non son as mesmas hoxe que hai trinta ou cincuenta anos”, sinalou. Neste senso explicou que a Praza do Matadoiro converterase nun “novo espazo comunitario, verde e dinámico, un punto de encontro social e exemplo dunha cidade moderna e alegre”.