Borja Verea, candidato á alcaldía do Partido Popular no Concello de Santiago, mantivo unha xuntanza coa veciñanza do barrio santiagués de Galeras, onde se comprometeu a liderar a solución ao proxecto do hospital vello tan pronto chegue a Raxoi e sacalo desa situación de colapso que leva anos enquistada. Para o Popular, este solar sería a ubicación ideal para a instalación dun supermercado que lle dea servizo a toda a zona, que nos últimos anos medrou de forma notable. Verea lamentou ademais “a falta de liderado do goberno socialista nun asunto clave para este barrio e dun edificio tan emblemático para a cidade”, e salientou que “o que vai conseguir o concello se continúa poñéndose de costas a este proxecto é que a construción se veña abaixo e despois xa non haberá nada que protexer”.
Esta reunión inclúese dentro das distintas conversas con entidades veciñais, sociais, culturais e deportivasque leva mantendo o candidato do Partido Popular desde hai máis de dous anos.
A candidato popular explicou que, se o vindeiro 28 de maio os veciños de Santiago lle dan a súa confianza, outro dos seus obxectivos é o de sacar adiante o proxecto da finca do Espiño, nun total estado de abandono e cunha obra inacabada pola “incapacidade de xestión do goberno socialista que anunciou a bombo e pratiño a súa rehabilitación e o que temos agora aí é unha grúa abandonada e un espazo mal valado que está a ser usado para o botellón ata que un día ocorra unha desgraza alí”.
Verea tamén deixou claro que, cando sexa alcalde, levantará o veto de circulación por Xoan XXIII, “estamos a falar dun barrio que segue a medrar en poboación e que cada día ten máis problemas de tráfico, necesitamos buscar solucións que faciliten o cambio de sentido na Rúa Galeras e que alivien o tránsito de vehículos”, salientou.
O candidato popular á Alcaldía, Borja Verea, salientou tamén que seguirán traballando “porque chegou o momento do cambio, a xente está decepcionada coas mesmas políticas de hai 30 anos, Santiago merece máis”. E insistiu en que “fronte ao Santiago da parálise e o atraso do Partido Socialista, propoñemos un Santiago con ganas de crecer; ao Santiago triste e antigo dos actuais dirixentes, propoñemos un Santiago en marcha e con ambición”.