O Partido Popular denuncia a política de abandono das áreas recreativas de Santiago que leva exercendo, durante todo o mandato, o Goberno socialista, tal como lle ven recriminando o Grupo municipal Popular dende hai tempo, sobre todo, no caso das de Chaián e do Refuxio. Así, os Populares exíxenlle ao Grupo de Goberno que leve a cabo traballos de conservación, mellora e mantemento periódicos nestas áreas recreativas, co fin de axeitalas para o baño e o lecer e planifique unha mellora da sinalización viaria para facilitar o poder visitalas, ademais de solicitar que se estude a posibilidade de celebrar actividades que teñan como centro estas dúas ribeiras do Tambre.

Así mesmo, os Populares presentarán, para a súa consideración dentro da Comisión de Honras, unha proposta de accións a levar a cabo para unha posible homenaxe en lembranza de Ramón Fandiño Salgado, en atención ao seu labor de difusión e dinamización da área recreativa de Chaián; e tamén reclamarán que o Goberno socialista se dirixa á Deputación da Coruña a fin de solicitar a súa colaboración para axustar as condicións de seguridade para o tránsito peonil na vía provincial ao seu paso polas inmediacións da área de Chaián, así como o pintado da enferruxada ponte sobre o Tambre.

Desde o inicio do mandato anterior e tamén neste mandato, o Grupo Popular ten presentado varias iniciativas plenarias na maior parte aprobadas por unanimidade .-como a presentada o ano pasado- para acondicionar, mellorar e dar a coñecer dúas zonas de gran potencial ambiental e recreativo: a primeira, compartida co concello de Trazo na súa parroquia de Chaián, que lle dá nome aquí ao conxunto das dúas ribeiras; e a segunda, a do Refuxio, na parroquia de Barciela, limítrofe co concello de Oroso.

Os Populares lamentan que, a pesar dos acordos plenarios e do tempo transcorrido, estas dúas áreas recreativas continúan a ser unhas grandes descoñecidas na actualidade para gran parte da poboación, a pesar de ser dous dos puntos principais no río Tambre ao seu paso polo concello, un itinerario incluído nas Rede Natura como Lugar de Interese Comunitario polos seus especiais valores ambientais e patrimoniais.

Área de Chaián

Na área existente en Chaián, situada a apenas 10 km do centro da cidade, pódese gozar dunha fermosa paisaxe de ribeira, con vellos carballos, castiñeiros, ameneiros e ata acivros. Un lugar axeitado para o baño, o lecer ou a pesca deportiva, onde se organiza a “Festa do Escalo” que nos últimos anos se vén incluíndo no programa das Festas do Apóstolo, con concurso de pesca, numerosas actividades e un xantar popular con posterior romaría. Unha cita na durante moitos anos actuou como gran dinamizador o recentemente falecido, Ramón Fandiño Salgado, presidente da sociedade A Venatoria, que ben merecería unha homenaxe polo seu impagable e desinteresado labor para -entre outras moitas actividades-  promover este enclave.

En contraste co coidado e a dotación de servizos da marxe pertencente ao Concello de Trazo, a ribeira compostelá mostra un aspecto descoidado, no que se denota unha falta de limpeza e mantemento periódicos, mentres persisten outras deficiencias sinaladas nos últimos anos, como a limitación da velocidade ou, cando menos, unha advertencia de perigo na estrada provincial (que se mantén a 50 km/h, a pesar da recente actuación para a mellora do firme) ou a mellora da conexión peonil coa marxe de Trazo, coa continuidade e protección da beiravía e a rehabilitación da oxidada varanda existente. 

Área do Refuxio

Pola súa parte, a área do Refuxio, a uns 15 kms. da cidade, está situada nunha fermosa insua pertencente á parroquia de Barciela, á que se accede a través de dúas estreitas pontes que a comunican cos concellos de Santiago e Oroso. Tal e como propuxemos no seu día, sería necesario mellorar o acondicionamento da pista existente e instalar uns indicadores que facilitaran a súa localización. O lugar aínda segue a necesitar unha reparación da plataforma para a conexión das pontes que dificultan a desexable accesibilidade, así como a reposición tanto do pasal polo que se accede á deteriorada caseta para o socorrista como dos colectores de lixo que desapareceron do lugar habilitado no seu día á beira da ponte que comunica co municipio compostelán.

En definitiva, cómpre reiterar que non se trata de acometer ningunha gran actuación, nin de entrar en competencia coas dotacións e servizos das marxe opostas, senón de realizar en ambos casos unhas melloras concretas e perfectamente asumibles, para complementar e potenciar o valor ambiental destes enclaves, para goce da veciñanza dos tres concellos que desde sempre manteñen unha estreita vinculación que é preciso conservar e, se cabe, reforzar.