Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago, mantivo estes días un encontro con médicos e farmacéuticos de Santiago co fin de escoitar as súas demandas e expoñerlles algunha das súas iniciativas no caso de que os santiagueses lle dean a súa a confianza o vindeiro domingo 28 de maio. O candidato Popular apuntou que “a nosa cidade, permítenos abrir calquera porta no mundo, e estamos perdendo moitas oportunidades, por iso é necesario un Plan unificado para aproveitar todas as administracións e, así, devolver á vida a unha cidade que se atopa apagada”.
Para o Popular, é imprescindible que Santiago volva avanzar e é o alcalde o cargo público que máis capacidade ten para transformar a cidade, polo que subliñou que traballará co fin de que Compostela recupere “a vocación cosmopolita, o noso plano universal e polo tanto temos que volver a dialogar con interlocutores internacionais de maior nivel”. Neste senso será necesaria “unha axenda internacional e exhibir o noso nivel institucional que ten que corresponderse coa nosa dimensión europea”, afirmou o tamén deputado autonómico.
Borja Verea puxo en valor o papel do sector sanitario na cidade, “tanto polo que aporta como pola relación que existe cos miles de pacientes cos que está en contacto”. “Santiago non se entende sen os seu sector sanitario, sodes o mellor exemplo do prestixio, ambición e ganas de defender o noso sen complexos”, engadiu. Así sinalou que ao Santiago actual pódeselle “diagnosticar cansazo, polo que o obxectivo principal é reanimalo e volver dar vida a unha Compostela que non está onde se merece”.
No transcurso do encontro, o candidato Popular explicoulles tamén as súas iniciativas en materia de vivenda, familia e deporte, ademais da necesidade de volver a recuperar o Casco Histórico para os veciños e mellorar a burocracia que bota atrás a maioría das iniciativas dos cidadáns.
Verea falou ademais de levar a cabo medidas que dean a posibilidade de volver a vivir en Santiago, “unha cidade que non só é unha capital gobernamental ou legal, se non que é unha capital emocional, polo que temos que defender a nosa posición, a nosa marca e volver competir coas principais capitais do mundo, recuperar a autoestima e esa enerxía social para poñer a cidade en marcha e levala aos século XXI”, así destacou que é necesaria unha redefinición de más prestixo de Compostela”.
Os participantes, arredor de 100 médicos e farmacéuticos, amosaron a súa preocupación polo aparcamento na cidade que, ao seu xuízo, frea a chegada de veciños da contorna. Así, o candidato Popular explicou os seus proxectos neste senso, como aparcamento previsto no Campus Sur, a recuperación das concesións municipais da Praza de Galicia e Praza de Vigo, ou a construción dun novo baixo a praza de Abastos, ademais de espazos disuasorios en diferentes zonas da cidade. Teño claro que “hai que sacar os coches da cidade, pero para iso fan falta máis sitios para aparcar e ter un bo transporte público”, salientou Verea.